parlamento galego

Ana Pontón propón a xestión pública das sete residencias previstas nas cidades

Pídelle a Feixóo “que deixe de defender ás empresas que ven a vellez como un negocio e que mesmo operan desde paraísos fiscais”, como DOMUSVi

Urxe unha Lei de residencias, acabar cos baixos salarios das traballadoras, aumentar as ratios de persoal por residente e unha inspección efectiva

Reclama transparencia: “Canto nos costa a factura que pagamos ao sector privado das residencias?”, pregunta que Feixóo deixou sen responder

A vacina desterrou as mortes por COVID nas residencias, pero sería inmoral esquecer o drama sufrido nestes centros, onde faleceron 790 persoas, o 34% de todas as vítimas do virus nun colectivo que representa o 0,8% da poboación, alegou a portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control.

“A pandemia sacou a luz, con toda dureza, os problemas nas residencias”, pero sería “facer trampas ignorar que os problemas xa existían nun modelo totalmente privatizado”,  explicou, que sitúa o coidado das persoas maiores en dous extremos: “negocio puro e duro, da man de empresas controladas por fondos de capital que mesmo operan desde paraísos fiscais, ou caridade asistencial,  da man de entidades vinculadas á Igrexa”.

DomusVi  é paradigma do primeiro grupo, xigante do sector que en Galiza xestiona arredor de 4.800 prazas, mentres que a Fundación San Rosendo e Hermanitas de los Ancianos Desamparados entran na segunda categoría, con máis de 5.000 prazas. Hai que ter en conta que o número de prazas de residencias da terceira idade cífrase en 20.000.

“A pregunta é moi sinxela: queremos que o coidado dos nosos pais, das nosas avoas estea nas mans de empresas que fan negocio coa vellez? Queremos que siga en mans de entidades da Igrexa como exercicio de caridade asistencial?”, interpelou Pontón ao presidente da Xunta. “O BNG non, nin caridade, nin negocio coa vellez, como fai a señora Josefina Fernández, presidenta de DomusVi e a que vostede lle entrega medallas”, argumentou mostrando unha imaxe da CEO da multinacional e de Feixóo posando xuntos.

O Bloque, recalcou, defende outro modelo no que o coidado das persoas maiores sexa entendido como servizo público desde o que garantir o dereito a unha vellez digna. E para avanzar nesa dirección formula propostas “realistas”, consciente de que un sistema privatizado nun 85% non se reverte en dous días.

Tres propostas concretas, “que só requiren vontade política”, formulou Pontón. A primeira, xestión pública directa das sete residencias previstas nas cidades; segundo, recuperar  todas as  residencias privatizadas a medida que rematen os contratos e, terceiro, unha Lei de residencias que poña aos maiores no centro, sabendo que a residencia é o último recurso. A día de hoxe, estes centros se regulan por un decreto de 1996, superado por unha realidade social que pouco ten que ver coa que existía fai 25 anos.

“Unha lei que aposte polo público, porque ha que construír residencias públicas; que aumente as ratios de persoal mínimo por residente, que poña fin á precariedade e aos baixos salarios das traballadoras e que garanta unha inspección efectiva, porque  hoxe sae case gratis incumprir”, explicou Pontón, quen pechou a súa argumentación cunha petición.

Render contas ante as familias e a sociedade

“Transparencia señor Feixóo, queremos un sistema transparente que renda contas ante as familias e ante a sociedade, e por iso pídello un dato moi concreto: cantos nos costa a factura do que pagamos ao sector privado das residencias?”, preguntou sen resposta, que tampouco obtivo á proposta das xestión directa das sete residencias proxectadas. “Conteste si ou non, ou temos que pensar que a señora Josefina xa se está frotando as mans porque ve máis negocio. Deixe de defender ás empresas que ven a vellez como un negocio e que mesmo operan desde paraísos fiscais como DOMUSVi”, recalcou.

Protexer o estado do benestar

Pontón insistiu na urxencia de mellorar as condicións das traballadoras, “porque mentres financia con millóns de euros ao sector privado, esas traballadoras que tanto lle dan á sociedade o que reciben son baixos salarios e precariedade”, recriminou a un Feixóo instalado no recortes.

“Leva doce anos cunha política de acoso e derribo aos servizos públicos como se quixera desmontar o estado do benestar e en vez expresar alarma polo feito de que o 85% das prazas de residencias estean privatizadas, no fondo parece que o lle molesta é que non estea privatizado o 85% da sanidade ou da educación”, critiou.

Para a líder nacionalista, tras o vivido na pandemia sería “inmoral limitarse a cambios cosméticos” porque o que precisa é un novo modelo, público e de calidade. “Unha sociedade que non coida aos seus maiores é unha sociedade que non ser respecta a si mesma, respecte aos nosos maiores señor Feixóo”,concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG