Ana Pontón propón un plan de rescate integral para o sector hostaleiro e turístico financiado co fondo COVID da UE

Encontro hostalaría
Encontro hostalaría
Pontón critica o peche do sector nas grandes cidades sen ter habilitado axudas, “porque as facturas non están confinadas e chegan puntualmente”

O BNG mantivo un encontro co sector da hostalería e do turismo para valorar a situación e as medidas a adoptar a curto e medio prazo nun dos ámbitos da economía máis impactados pola pandemia, e cun peso clave en termos de emprego e de afectación noutros sectores.

Neste sentido, a formación nacionalista demanda un plan de rescate integral coa suficiente dotación orzamentaria “que debe estar operativo canto porque son moitos os pequenos e medianos establecementos ao límite, que necesitan un salvavidas inmediato antes de verse abocados ao peche definitivo”, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Hai que recordar, alegou, que na crise de 2008 se destinaron só en Galiza, 9.000 millóns de euros para rescatar a banca, así que podemos rescatar ao sector turístico e da hostalería que enchen de emprego e de actividade económica as e cidades”. A líder do Bloque subliñou que este plan de rescate pode ser financiado con cargo a liña de fondos europeos REACT, que para o período 2021-2022 vai estar integrado no fondo COVID da UE.

Salientar que, con cargo ao Next Generation, o BNG cifra nun mínimo de 12.600 millóns de euros a contía que debería recibir Galiza, o equivalente ao 9% do total, “recursos que deben ir destinados a rescatar ás PEMES, ao tecido empresarial e produtivo do país, no que o sector da hostalería e do turismo teñen un peso clave”, explicou.

Encontro hostalaríaNo inmediato, o BNG demanda axudas directas para paliar as consecuencias do peche total, “que significa cero ingresos na maior parte dos casos, pero as facturas non están confinadas e seguen chegando puntualmente”, salientou, “o que non pode facer un Goberno responsable que ten a obriga de anticiparse é cortar de raíz a actividade dun sector esencial sen poñer sobre a mesa ningunha axuda”, recriminou.

Por iso, e en liña coas peticións do sector, o Bloque demanda 30 millóns de euros en axudas directas para poder compensar cando menos o 50% das perdas, o que supón duplicar o anuncio de 12 millóns de euros feito desde a Xunta. “Como explica o propio sector, esa contía deixaría fora das axudas ao 75% dos locais. Euskadi, por exemplo, que ten 1/3 dos establecementos de hostalería de Galiza ten en marcha unha liña de axudas de 45 millóns de euros”, alega.

O BNG tamén formula medidas de apoio actuando sobre a fiscalidade, como aprazar o pago do IRPF e do IVE do cuarto trimestre de 2020 até doce meses, ampliar o prazo dos pagos fraccionados do imposto de sociedades e un IVE reducido do 4% para o sector da hostalería e do turismo.

Igualmente, a posibilidade de quitas e exoneración do pago das cotizacións da seguridade social correspondentes ao tempo do peche; negociar coas entidades bancarias o aprazamento do pago de créditos, un plan de promoción e estímulo nas cidades por ser as máis afectadas polas restricións e facilitar a redución do alugueiro dos locais até un 50% cada mes mentres dure a pandemia.

No encontro de traballo participaron representantes do cluster do Turismo de Galiza e das principais asociacións de hostalería de todas as provincias, ademais do portavoz parlamentario nesta materia, Daniel Pérez.

Preguntada pola tramitación do proxecto de orzamentos do Estado, Pontón explicou que o BNG negocia co PSOE e con Podemos “coa vontade clara” de chegar a un acordo co goberno central, “pero ese acordo só será posible se se mellora o investimento previsto para Galiza até un mínimo de 1.000 millóns de euros, porque é totalmente inaceptable que unhas contas do Estado que suben recollan unha caída no investimento para Galiza.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG