Ana Pontón propón un modelo enerxético á favor do tecido empresarial galego que sume riqueza e emprego no País

Cámara de Comercio
Cámara de Comercio

A líder do BNG participou no plenario da Cámara de Comercio da Coruña onde trasladou as propostas para paliar os efectos da crise de prezos

Destaca o papel das PEMES, 19.000 na Coruña e a súa área de influencia, e aposta pola ciencia e a I+D+i como clave dunha economía con futuro

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no plenario da Cámara de Comercio da Coruña, nun contexto de crise de prezos se precedentes nos últimos 40 anos, participación que aproveitou para trasladar as propostas do BNG para paliar os efectos da escalada inflacionista sobre o tecido empresarial e sobre o conxunto da maioría social.

Neste sentido, e tendo en conta que o custe da enerxía é causa principal na espiral de prezos, a líder do Bloque fixo fincapé na urxencia de que Galiza dispoña dun modelo enerxético “que poña a riqueza eléctrica do País a favor do País” e, por tanto, sexa un factor que dinamice a economía e permita crear emprego  e que actúe a favor dos sectores produtivos, xusto o contrario do que sucede hoxe, onde os custes enerxéticos actúan como lastre nunha Galiza rica en electricidade é as portas dun boom eólico.

Pontón destacou que os países produtores de enerxía do entorno europeo dispoñen de tarifas diferenciadas máis baratas para as zonas produtoras, como compensación polos custes ambientais e sociais, “e o que pedimos no BNG é unha tarifa eléctrica galega que permita aplicar en Galiza esa mesma filosofía”. Acábase de aprobar a excepción ibérica, alegou, “e o que propoñemos é articular a excepción galega porque somos un país produtor e temos dereito a que esa riqueza reverta nas familias, nas empresas, reverta en xerar máis oportunidades aquí”.

A líder do Bloque explicou estamos nun momento de expansión eólica que debe ser reconducido en beneficio do País e non dunha presa de multinacionais cun modelo “inxusto no social, no ambiental e no económico”. Debe ser reconducido cara un sistema  que xere emprego e riqueza aquí como o que propón o BNG: “Dicimos si á enerxía eólica pero en beneficio de Galiza, porque o vento debe poñerse ó servizo da economía produtiva e da maioría social”.

En declaracións ós medios antes da intervención no plenario, Pontón indicou que a crise de prezos afecta máis a Galiza, “con pensións e salarios á cola do Estado”, e reclamou unha actuación urxente tras tres meses de parálise de goberno, “empezando por un plan de choque para axudar a quen peor o está pasando neste momento”.

Entre as propostas que trasladou na Cámara de Comercio, un paquete de medidas sociais dirixidas ós colectivos con máis dificultades: subida do tramo autonómico das pensións non contributivas e cen euros mes; mellorar a RISGA e facela compatible coa percepción do IMV, aumentar as axudas para gastos básicos da vivenda e a baixada das peaxes das autoestradas. No ámbito produtivo, mobilizar 700 millóns de euros para contribuír a minimizar o efecto da inflación nos sectores produtivos.

A Coruña, referente en ciencia e innovación

En relación ó papel da Coruña, destacou a necesidade de facer unha “aposta” pola ciencia e pola innovación nesta cidade e área de influencia arredor de dous “puntais” como son a universidade e o CHUAC, cun gran potencial de investigación biomédica. A Coruña, indicou, “hai que pensala en clave de área metropolitana o que implica unha aposta por mellorar as conexións e as infraestruturas e facer un deseño estratéxico tanto en termos de mobilidade como en termos económicos”.

A líder do Bloque subliña que o futuro “pasa por apoiar e fortalecer a pequena e mediana empresa reforzando a innovación nese ámbito, a nivel nacional por suposto, pero especialmente na Coruña como motor económico principal, tendo en conta o potencial de sectores como o téxtil pero sabendo que é unha área dinámica e produtivamente diversa”.

Papel estratéxico das PEMES

Para axudar a ese tecido produtivo de PEMES, o BNG levará ó Parlamento a creación do Instituto de Crédito Galego como ferramenta de actuación ante as pequenas e medianas empresas, que no caso concreto da Coruña e contorna aglutina a 19.000 entidades,  das que a maioría teñen menos de 8 traballadores e traballadoras. “Hai que deixar de falar de peches, como ocorreu con Alu Ibérica, e apostar por un modelo económico baseado na ciencia, na I+D+i, no que as PEMES son clave”.

Precisamente, a aposta de goberno do BNG pola ciencia e a innovación implica aumentar o investimento público nese ámbito estratéxico, tendo en conta que hoxe Galiza está á cola cun gasto do 1,1% do PIB; a metade que na medida da Unión Europea. Por iso, Pontón avogou por un pacto pola ciencia, a creación do INNOGAL, -na liña do ICREA e IKERBAQUE-, para a captación e retención de talento investigador e por un incremento progresivo do investimento até acadar o 2,5% do PIB.

A líder nacionalista agradeceu o convite da Cámara de Comercio, en particular ó seu presidente, Antonio Couceiro, que permitiu un contacto directo co tecido empresarial para analizar o momento económico actual así como os retos de futuro.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG