A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse até Mazaricos, co parque eólico A Ruña II paralizado a petición do goberno local do BNG, para denunciar a “febre eólica” que vive Galiza, cunha avalancha “brutal” de proxectos que responden á lóxica do espolio dos recursos naturais do País en beneficio duns poucos.
“Unha febre eólica moi agresiva, tanto na forma como no fondo, pola prepotencia e os abusos das empresas, que buscan apropiarse dos recursos naturais do País sen apenas deixar riqueza nin xerar emprego, mentres que a Xunta, -en lugar de velar polo interese público-, mira para outro lado ou mesmo actúa de parte do interese privado”, denunciou a líder dun BNG que defende o desenvolvemento eólico pero desde “un modelo público, xusto, sustentábel e participativo dos recursos, fronte ao modelo depredador que permite o Goberno do PP”.
“Pode haber desenvolvemento, pero deixando riqueza aquí, sen agresividade con medio ambiente, porque o que non é viable nin xustificable é a implantación de parques eólicos a toda costa”, indicou. Esta “febre eólica” precisamente pola nova faciana que mostra esta a ter “unha gran contestación social”, pois a diferencia do que pasaba fai décadas que se localizaban no cumio dos montes, hoxe os novos proxectos afectan a núcleos habitados ou a zonas de actividade agrogandeira, como é o caso de Mazaricos, A Baña, Ordes ou O Deza.
“É posible compatibilizar proxectos eólicos con outras actividades e cun novo modelo respectuoso e participativo, que teña en conta que a enerxía eólica debe ser un elemento para desenvolver o País”, explicou Pontón, avanzando algunhas das propostas do BNG cara un modelo eólico que permita a Galiza beneficiarse da súa propia riqueza en lugar de servir de lucro para multinacionais eléctricas.
Entre esas propostas, declarar ben público a enerxía como sector prioritario da economía, crear unha empresa pública de enerxía, “que garanta un retorno dos beneficios para os galegas e os galegos”, e establecer como obrigatorio para desenvolver proxectos eólicos contratar a construción e subministro de compoñentes con empresas radicadas en Galiza.
E desde logo, repercutir a riqueza eléctrica de Galiza nas familias e nas empresas abaratando a factura da luz cunha tarifa eléctrica galega.
A formación nacionalista defende en paralelo reformas normativas que, aínda co actual modelo, permitan dirixir o beneficio dos parques eólicos cara o interese xeral. Neste sentido, o BNG reclama que o canón eólico se lle aplique ás empresas non en función do número de muíños senón en función da potencia instalada. Igualmente, aumentar a participación dos concellos no Fondo de compensación ambiental e máxima transparencia na negociación dos contratos para que os propietarios podan demandar condicións favorables.
Renovables como coartada
En definitiva, recalcou, “queremos denunciar esta febre eólica e defender outro modelo porque, se ven é evidente que hai que apostar por enerxías limpas, iso non pode ser coartada para depredar o territorio ou poñer en risco outras actividades económicas vitais como a agrogandeira. E non pode facerse a través dun modelo que apenas deixa riqueza aquí nin xera emprego, pese a que o PP ten empeño en convencernos de que é un maná”.
O modelo de desenvolvemento eólico que propón o BNG está en función dos intereses de Galiza e baixo o prisma da sustentabilidade ambiental para non poñer, unha vez máis, os recursos naturais deste País a disposición dun puñado de empresas para que se lucren a cambio de nada ou de migallas.