BNG lanza unha campaña social e política para denunciar e responder ao “espolio e a depredación” eólicos que sofre Galiza

Noa Presas
Noa Presas

A portavoz de Enerxía, Noa Presas, advirte dos numerosos cambios legais realizados polo Goberno de Feixóo para beneficiar ao oligopolio eléctrico

Propón un modelo alternativo con medidas que permiten ordenar o sector, protexer o medio ambiente e obter un retorno económico para as galegas e galegos

BNG lanza unha campaña social e política para denunciar e responder á situación de “espolio e depredación eólica” que está a vivir o país nestes momentos, cun desenvolvemento “sen precedentes” e a implantación de novos proxectos eólicos con moitos e graves problemas ao longo do territorio “porque se está facendo sen planificación, sen un axuste ás necesidades medioambientais e sociais do noso país e sen o máis mínimo consenso”.

Así o explica a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, quen advirte de que este boom eólico sen precedentes “non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico”. Neste sentido, recrimina o papel consentidor do Goberno central e moi especialmente o do Goberno de Núñez Feixóo, “que dende a Xunta está impulsando numerosos cambios legais para achaiarlles o camiño ás compañías eléctricas, mentres se perde biodivesidade e se perden oportunidades, tamén nun momento de crise económica, de que esta enerxía reverta no país”.

Así pois, no desenvolvemento da campaña -que ademais dunha ofensiva de iniciativas políticas e institucionais, inclúe distintas accións de mobilización social, con encontros informativos, reunións con colectivos ou roteiros por espazos naturais afectados, entre outras- o BNG propón un modelo alternativo que, segundo explica Presas, “sexa sustentábel, xusto e reverta en beneficio das galegas e os galegos”.

É por iso que o Bloque defende unha nova lexislación e un novo Plan Sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que deben estar libres de eólicos, para o que tamén propón a ampliación da Rede Natura e a paralización dos proxectos que lle afecten, salvagardando así espazos de alto interese ambiental e elementos estratéxicos como os recursos hídricos.

De igual xeito, e co obxectivo de obter un retorno xusto que compense o impacto ambiental e social da explotación eólica, avoga pola participación pública no sector, a través dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura das galegas e os galegos.  “Non imos parar porque nin este espolio nin esta depredación son admisibles; hai alternativa e dende o BNG continuaremos a defendela”, resume Presas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG