Ana Pontón propón unha “alianza estratéxica” Galiza-Portugal que impulse as infraestruturas e o desenvolvemento de ambos países

Tui
Tui

Pide a Goberno central e Xunta coordinación co Executivo luso para que en 2030 Vigo-Porto estean conectados nunha hora por alta velocidade

O BNG fai causa dese obxectivo e avanza unha ofensiva de contactos económicos, sociais e institucionais para evitar discriminacións e retrasos

O BNG considera estratéxico potenciar unha “alianza atlántica” Galiza-Portugal, porque máis aló dos vínculos históricos, é un país “con que nos o futuro en asuntos como as infraestruturas, a cohesión territorial, a economía, comercio, turismo ou a investigación”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que se desprazou até a fronteira desde Tui, para presentar as propostas para impulsar esa alianza.

En vésperas do próximo cumio hispano-luso, destacou a importancia da eurorrexión e propón ir máis aló, “dar un paso adiante para trazar unha verdadeira alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que debe arrancar coa creación dunha delegación permanente do noso País en Lisboa”, destacou, tendo en conta que “fronte a un Madrid que trata Galiza desde unha posición de subordinación, Portugal nos ve como unha alidada natural”.

Nesa alianza, as infraestruturas son un elemento clave, en particular a alta velocidade ferroviaria, por iso o BNG valora como “fito histórico” o anuncio do Goberno luso de dar prioridade á conexión Vigo-Porto pese ás reticencias do Executivo central e á posición de brazos caídos do Goberno do PP na Xunta, e iso malia que Galiza é a primeira CCAA cliente de Portugal e a terceira provedora. “Cunha estratexia ben definida podemos mellorar esa relación porque o futuro pasa por esa colaboración atlántica”, alegou.

“Chegar de Vigo a Porto nunha hora, temos que ser capaces de avanzar nesa dirección tamén desde Galiza. Portugal teno claro, pero non así os sucesivos Gobernos centrais dun signo e doutro, que non fixeron os deberes porque teñen unha concepción radial das comunicacións que prima a conexión por Madrid antes que por Vigo, o que perpetúa a discriminación de Galiza nas conexións ferroviarias deseñadas desde o Estado, tanto co PP como co PSOE”, argumenta Pontón.

Tras vinte anos “perdidos”, a líder do Bloque reclama “coordinación con Portugal para que esa conexión ferroviaria este en funcionamento en 2030” e nese obxectivo, Pontón interpelou ao Goberno do PP, “que nunca fixo nada nin para impulsar a saída Sur de Vigo nin as conexións con Portugal e agora pretende tapar a súa complicidade na discriminación a Galiza cunha nova confrontación co Executivo central”.

Dispoñer desa conexión antes de rematar a actual década é fundamental para o desenvolvemento económico, para o equilibrio territorial e para avanzar nunha mobilidade sustentable nun momento de emerxencia climática, indicou a portavoz do Bloque, e colocaría a eurorrexión nunha situación de poder competir con Madrid ou co eixo Barcelona-Lyon.

Neste sentido, o BNG propón que do próximo cumio hispano-luso saia unha declaración institucional de apoio a ese obxectivo “cun compromiso de proxectos e orzamentos”. A portavoz nacional insistiu no carácter estratéxico desta conexión polo que avanzou que o Bloque vai facer “causa” deste asunto iniciando unha ofensiva de contactos sociais, institucionais e económicos a favor da alta velocidade Vigo-Porto en  2030 e evitar “novos retrasos e discriminacións”.

Saída sur: electrificada e co mellores horarios e tarifas

A formación nacionalista tamén pensa no curto prazo, coa mellora do servizo a un lado e outro da raia, empezando pola electrificación da liña na saída sur de Vigo con máquinas de bitensión como as que ten Renfe e circulan entre Valença e Porto.

Igualmente, ampliar e adaptar os horarios da liña actual, duplicando a oferta para chegar ás mesmas frecuencias da liña Vigo-A Coruña, e  ampliar a 2023 a oferta de 5,25 € nos billetes Vigo e Porto, que teñen logrado un aumento do 40% no número de pasaxeiros cunha mobilidade máis sustentable.

Pontón, que mantivo un encontro con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais de Vigo, concellos fronteirizos e municipios do sur, subliñou que a eurorrexión convoca a 6,5 millóns de habitantes, máis que estados do entorno europeo como Dinamarca, Israel ou Filandia. De cara a potenciar esa “alianza atlántica”, a líder do Bloque fixo fincapé na lingua e na cultura, nunha maior conexión coa lusofonía apostando por formar parte directa da comunidade de países de lingua portuguesa, crear o observatorio da lusofonía e desenvolver a Lei Paz Andrade.

“Temos moitos ámbitos nos que ambos países podemos gañar se traballamos en común, gañar en fortaleza económica, no ámbito da investigación, no desenvolvemento industrial ou nunha mobilidade sustentable. Por iso, desde o BNG imos facer causa disto”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG