Municipais 2023

Ana Pontón presenta a Pablo Vizoso como o alcalde que seguirá facendo avanzar Ribadeo cun BNG con máis forza que nunca

Acto Ribadeo
Acto Ribadeo

Destaca que o Bloque preséntase ante a veciñanza o 28M cun proxecto reforzado que combina experiencia e renovación cun obxectivo: “Que Ribadeo siga sendo un referente na Mariña e en Galiza”

Coloca Ribadeo como exemplo do modelo de éxito dos gobernos municipais BNG, que transforman en positivo e melloran a vida da xente

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ribadeo no acto de presentación de Pablo Vizoso como futuro alcalde de Ribadeo liderando unha candidatura do BNG reforzada, que combina experiencia e renovación, e que permitirá ao concello seguir na senda de progreso e de futuro.

“Pablo será un extraordinario alcalde porque ten experiencia, porque é unha unha persoa seria, rigorosa, na que confiar; os veciños e as veciñas saben que terán no seu próximo alcalde unha persoa resolutiva, próxima, coa que poder falar, dialogante. A veciñanza sabe que vai poder contar co seu alcalde, que estará ao seu carón buscando e aportando solucións”, resaltou, “será un extraordinario alcalde porque aprendeu do mellor”, subliñou a líder do BNG en relación a Fernando Suárez, o até agora rexedor de Ribadeo, nunha intervención na que tamén tivo palabras de recoñecemento para a ex concelleira Mariluz Álvarez.

Con Pablo Vizoso como alcalde, “Ribadeo seguirá avanzando e mellorando, cunha equipa reforzada que combina experiencia e renovación. Aí estará Mónica (Freire), aí estará Vicente (Castro)”, destacou a líder nacionalista, citando a dúas das persoas que integran a candidatura do Bloque de cara á cita electoral do 28 de maio.

Acto Ribadeo
Acto Ribadeo

“Queda moito, moito porvir para este concello da man dun BNG con máis ganas que nunca, con forzas renovadas para un gran obxectivo: que Ribadeo siga avanzando, que siga sendo o gran referente da Mariña é un dos grandes concellos de Galiza”, proclamou. Pontón destacou que Ribadeo é hoxe “un concello orgulloso da súa identidade, exemplo de rehabilitación urbana, referente en servizos, cun patrimonio arquitectónico e natural espectacular con dinamismo económico e social”.

Neste sentido, a portavoz do Bloque fixo referencia a unha das grandes infraestruturas sociais coas que conta o concello, a residencia da terceira idade: “Non vou enumerar todos os logros e avances postos en marcha polo goberno do BNG, porque non acabaría nunca, pero permitídeme que cite un que da a medida do que somos capaces: a residencia de maiores de Ribadeo, a única residencia pública posta en marcha en Galiza en catorce anos, a única. E sen un só euro da Xunta!”, destacou.

A líder nacionalista puxo Ribadeo como exemplo da capacidade de goberno do BNG, do modelo de éxito dos gobernos municipais do Bloque, capaz de facer avanzar os concellos que lidera e de transformalos en vilas e cidades con oportunidades, con benestar social, con calidade de vida.

Modelo de goberno de éxito

“En Ribadeo o BNG demostrou do que somos capaces, demostrou que sabemos gobernar coma ninguén e este concello é un exemplo do modelo de éxito dos gobernos municipais do BNG, gobernos de calidade que saben xestionar cada euro con eficacia; gobernos solventes, con capacidade para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas; gobernos que fan que os concellos prosperen, que teñan dinamismo económico e social; gobernos con ideas para encarar os grandes retos de presente e de futuro”, salientou.

Resultado histórico o 28M

En concellos como Ribadeo, o BNG demostra que hai outra maneira de gobernar, que as cousas se poden facer ben neste País, indicou, “e con ese aval presentámonos o próximo 28 de maio ante a cidadanía, unhas eleccións nas que imos ter un resultado histórico, nas que imos ser a forza política que máis suba, unhas eleccións que serán un gran paso adiante para abrir un tempo novo en Galiza e darlle a este País, por primeira vez, un goberno liderado polo BNG e cunha presidenta coas mans libres”.

“Tedes a miña palabra de que ese goberno será un aliado incondicional de Ribadeo, e que lonxe de poñer paus nas rodas, remará na mesma dirección e sumará ao gran traballo que vai facer o Pablo como alcalde e todo o seu equipo a favor deste concello e da súa veciñanza”, proclamou.

Momento de retos ante a crise

Na súa intervención, Pontón tamén fixo referencia ao contexto complexo, no medio dunha crise de prezos que soben máis en Galiza, pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. Por iso, o Bloque vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise, como a defensa dos servizos públicos, particularmente a sanidade.

“Porque, fronte ao PP que leva trece anos de recortes e privatizacións, o BNG defende a sanidade pública, porque temos dereito á saúde con independencia dos cartos que teñas na conta corrente”, subliñou. Alternativas xustas, porque fronte ao espólio éolico que promove o PP “para que as eléctricas se sigan forrando”, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz as familias e as empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”, explicou.

Alternativas sociais e xustas, afondou, tamén ante a subida das hipotecas. 175.000 familias teñen unha hipoteca que sobe de media 250€, mentres a banca ten beneficios obscenos. O BNG propón un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos. “Se se pudo gastar 90.000 M€ no rescate bancario por que non ás familias?”, interpelou.

“Galiza precisa un cambio de rumbo e estou segura de que o próximo 28M imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, imos seguir traballando con rigor, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible, concello a concello”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG