Na súa visita a cidade de Lugo, a portavoz nacionalista mantivo un encontro c@s representantes dos traballadores e traballadoras da Xustiza concentrados nos xulgados aos que trasladou o apoio do BNG e lembrou que a folga indefinida que manteñen dende hai máis dunha semana, é a primeira “folga indefinida na xustiza galega”.
Pontón pediu á Xunta que “descabalgue da soberbia” coa que está levando este conflito e se sente na mesa a negociar. A única mediación posible debe ser a través do Consello Galego de Relacións Laborais, dixo, porque está claro que a Xunta de Galiza está enfrontando o problema dende “a prepotencia” e non dende a busqueda de solucións para que os traballadores e traballadoras da xustiza galega non sigan discriminados a respecto dos funcionarios do resto do Estado. Ademais, dixo, é preciso reforzar os medios da xustiza. Máis de tres mil xuízos suspendidos e unha folga indefinida fan necesaria “unha negociación real” polo que volveu a pedir á Xunta que “escoite e negocie” unha solución a conflito que afecta a miles de cidadáns no noso país. A Xunta debe abandonar a súa “soberbia e prepotencia”, reiterou.
Pontón tamén lembrou que Lugo, é un partido xudicial que leva máis de 10 anos sen constituír ningún novo órgano, e perdeuse un importante número de traballadores e traballadoras da xustiza polo que resulta urxente, “tomar medidas urxentes para dotalo de recursos”.