O portavoz de xustiza e deputado do BNG por Pontevedra , Luís Bará mantivo hoxe un encontro coa plataforma sindical unitaria da Xustiza á trasladou o “total apoio” desta forza política ás reivindicacións e loita contra o “deterioro, desmantelamento e recortes salariais”, dos últimos anos na administración de xustiza.
Bará avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón utilizará a vindeira sesión plenaria para preguntarlle a Feixóo polos recortes nos servizos públicos e se está disposto a buscar unha solución ás demandas dos traballadores e traballadoras da xustiza que anunciaron a convocatoria dunha folga indefinida, a partir do día 7 de febreiro, ante a negativa do goberno galego a sentarse a negociar.
O parlamentario do BNG, denunciou a “extrema dureza” dos recortes aplicados polo Partido popular en Galiza á que sumou a “discriminación” dos traballadores e traballadoras da Xustiza galega a respecto do Estado entre outros aspectos, dixo, en relación a postos equivalentes con outras comunidades.
Bará afirmou que a pesar da intención das forzas sindicais para acadar unha solución ás demandas laborais e salariais, en fronte, atoparon “as portas pechadas” da Dirección xeral de Xustiza e da Consellería da Presidencia. Despois de varios convocatorias de mobilizacións e días de folga, explicou o deputado nacionalista, os traballadores e traballadoras vénse obrigados a convocar unha folga indefinida . O parlamentario lembrou que as mobilizacións contan “cun respaldo masivo” e case unánime do persoal da administración de xustiza e dende o BNG queremos denunciar “a inflexibilidade” da Xunta e da Presidencia dirixida por Alfonso Rueda pola súa falta de “capacidade de diálogo” e a “prepotencia, provocación e mala intención” nas súas declaracións públicas.
Para o nacionalista, Rueda está actuando como “un bombeiro pirómano que en vez de apagar o lume bota máis leña” provocando máis malestar no sector dos funcionarios e funcionarias.
Ademais das “manobras” do conselleiro Rueda para “torpedear os acordos” e impedir as negociacións co Consello galego de Relación Laborais. Esta situación, a xuízo do nacionalista, evidencia a “incapacidade” do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O deputado do BNG tamén responsabilizou ao propio Feixóo do desleixo do goberno galego que a día de hoxe aínda non recibiu aos representantes dos traballadores e traballadoras.