A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclama dende o concello das Neves “un plan de ordenación do monte” para que non se repita no ano 2018 outra devastación de Galiza como a vivida o pasado mes de outubro coa vaga de lumes.
Na súa visita a “zona cero” no concello das Neves, a nacionalista afirmou que o goberno galego non abordou o “grave problema ambiental, alto custe en vidas humanas e perdas económicas dos lumes”. Neste sentido, asegurou que o Goberno de Feijóo non quere aceptar que o problema está relacionado “co abandono do rural e cun modelo forestal fracasado”.
Ana Pontón acompañada do deputado por Pontevedra, Luís Bará e o rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez visitou varias zonas do concello afectadas gravemente polos incendios e denunciou que tres meses despois da vaga de lumes moitas persoas afectadas aínda non cobraron as axudas, ademais, dixo, o goberno do Estado nin sequera publicou os decretos para que as institucións persoas afectadas podan acollerse ás axudas anunciadas.
Para a dirixente do BNG, é o momento de pensar en medidas a medio prazo que eviten volver a vivir os incendios do mes de outubro polo que o BNG, recalcou Pontón, defenderá no Parlamento galego unha proposta para poñer en marcha “un Plan de Ordenación do monte” fronte os incendios forestais. “Unha medida de ordenación do territorio delimitando as franxas de protección e sobre a súa articulación. O problema do monte é “un problema colectivo” e necesita dunha figura de ordenación do territorio e esta medida pode mudar a situación de maneira real contra os incendios.
Este Plan de Ordenación debe ir acompañado doutras medidas entre as que destacou a aprobación do PLADIGA antes de Semana Santa, para axilizar os traballos de prevención e non agardar a época de maior risco de incendios, porque os lumes, explicou, “non se apaga no verán, o lume apagase no inverno”. Para protexer as nosa infraestruturas e vivendas, a Xunta debe paralizar o debate sobre o plan forestal porque o modelo “non vale” e debemos dar un xiro de 180º cara un modelo axeitado. Por outra parte, o BNG tamén defenderá unha mesa de dialogo cos traballadores e traballadoras para unificar o servizo de extinción de incendios cun operativo que dependa da Xunta de Galiza para coordinar adecuadamente o dispositivo.
Tres meses despois da vaga de lumes, a Xunta “non tomou nota do que pasou” e vemos que non hai vontade de cambiar as cousas. O monte debe ser multifuncional e para iso temos que cambiar o modelo actual de xestión do monte cun novo plan forestal que cambie o monocultivo do eucalipto por madeiras de calidade e frondosas.
O alcalde das Neves pide “sensibilidade e vontade política” á Xunta e institucións cara unha recuperación total do territorio devastado polos incendios
Pola súa parte, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez reiterou que o BNG mantén unha postura firme na defensa da “rexeneración do noso territorio” e no caso das Neves, “debe ser reconstruído dende o punto máis cercano do Río Miño ata o punto máis ao Norte despois da Autovía”. Para o rexedor nacionalista, a recuperación do concello é urxente e lembrou que tralos incendios de outubro foi enviou un amplo informe á Xunta de Galiza solicitando “unha mirada singular cara este concello para facilitar o traballo de recuperación”.
Xosé Manuel Rodríguez manifestou que o concello pode asumir o traballo técnico destinado a delimitar os usos do territorio porque sabemos, dixo, o que queremos facer polo que pediu da Xunta de Galiza “sensibilidade” para poder executar o plan de ordenación.
Si queremos que un territorio como as Neves sexa un lugar desexable para vivir, temos que construír novos modelos contrarios aos que nos arrastraron a unha situación como a que vivimos no mes de outubro. “Estamos no punto no que é necesaria a vontade política da Xunta e das institución para levar a cabo todas as medidas que dende o goberno municipal se teñen deseñado para recuperar o noso territorio”, concluíu.