A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG ás eleccións municipais no concello de Ames que lidera David Santomil, nun acto no que pediu o apoio da veciñanza para que este concello “dea un paso adiante” da man dun goberno local liderado polo Bloque tras o 26 de maio.
“Nestes catro anos demostramos que temos capacidade de diálogo, de dar estabilidade ao concello co obxectivo de mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza”, salientou Pontón, en referencia a programas desenvolvidos polas áreas de goberno do Bloque como os servizos de conciliación que xa son sinal de identidade da formación nacionalista no municipio.
Programas como madrugadores, tardes divertidas, programa lúdicos e a escola de verán tiveron unha gran acollida pois axudaron a país e nais a conciliar vida familiar e laboral, ou o servizo de comedores escolares que atende a un alumnado de 1.250 persoas diariamente. Ao que se suman as propostas culturais e de ocio desenvolvidas polas consellerías do Bloque.
Para seguir nesa senda, Pontón instou á veciñanza a apoiar a candidatura nacionalista “porque queremos que Ames dea un paso adiante da man do BNG apostando por David Santomil para liderar o futuro goberno municipal, porque é unha persoa con experiencia e con capacidade, acompañado dunha equipa de homes e mulleres dispostas a dar o mellor de si para que Ames siga avanzando”, recalcou.
Pontón puxo os gobernos municipais nacionalistas como aval da capacidade do Bloque para desenvolver proxectos que transforman en positivo, citando como exemplo Pontevedra ou Carballo, similar a Ames en poboación e en cercanía a unha urbe. “Demostramos que o BNG é garantía de transformación e de mellora da vida das persoas”, recalcou.
Pola súa parte o candidato á Alcaldía cualificou a lista electoral de “plural, aberta, diversa como o propio concello” con integrantes de todas as idades, sectores e con representación de todos as partes do municipio.
Santomil amosou o seu “orgullo e agradecemento” a todas as persoas que van na candidatura e a toda as que se ofreceron a participar, cunha mención de recoñecemento expreso ao traballo desenvolvido pola actual concelleira de Comunicación e normalización lingüística, Isabel Vaquero, que pecha a candidatura.
Candidatura plural, ilusión e forza
Desde a confianza do traballo feito estes catro ano, pide o apoio dos veciños e das veciñas para liderar o goberno local: “O obxectivo claro é conseguir a Alcaldía do concello sobre o aval dunha xestión excelente en ámbitos estratéxicos como a educación pública, a cultura, a defensa do noso idioma”, proclamou.
Da equipa que conforma a candidatura destacou que suma a diferentes xeracións e sectores, con representantes dos diferentes núcleos do concello, desde Milladoiro a Bertamiráns sen esquecer o ámbito rural.
“Temos unha gran candidatura, a ilusión e a forza para traballar pola veciñanza outros catro anos, neste caso liderando o Goberno municipal despois de demostrar que o BNG foi exemplo de diálogo, de honestidade no traballo, de transparencia e de garantía de estabilidade”, concluíu.