Ana Pontón insta a Feijóo a posicionarse sobre a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz do BNG preguntará ao presidente si está disposto a reclamar a familia Franco a devolución do Pazo  ou vai seguir mirando para outro lado e ser cómplice desta anomalía democrática  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará no vindeiro pleno  que medidas vai tomar o Presidente da Xunta  para garantir a devolución do Pazo de Meirás.

Trala Xunta de portavoces celebrada hoxe, Pontón anunciou que que o BNG centrará a súas intervencións na vindeira sesión plenaria sobre: “A defensa dun novo modelo de financiamento para Galiza que remate co modelo centralista, a defensa de servizos públicos e de maneira especial da sanidade atacada por continuos recortes do Partido popular e  ameazada pola nova lei de Saúde e  reclamar do Parlamento galego e do presidente da Xunta que se sumen á proposta para devolver o Pazo de Meirás ao seu lexitimo propietario, o pobo galego”.

DEVOLUCIÓN DO PAZO DE MEIRÁS

A nacionalista reiterou que é “unha anomalía democrática” que a familia Franco e a Fundación Franco sexan os titulares e responsables de xestionar o Pazo de Meirás. Para o BNG, dixo, o Pazo de Meirás é un símbolo de privilexios e extorsións  de bens  da familia Franco durante a ditadura. Ademais do posicionamento de Feijóo queremos que o Parlamento tamén se pronuncie e para iso o BNG debaterá unha iniciativa para impedir que o Pazo de Meirás acabe convertido nun “parque temático franquista” no que a Fundación Franco faga apoloxía do fascismo neste espazo e polo que pediremos a súa ilegalización a través do Parlamento galego. 

DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Por outra parte, a portavoz do BNG explicou que ao longo destes anos a crise económica foi utilizada como escusa polo Partido popular para poñer en marcha un “proceso de privatización e recorte de dereitos” e ante esa axenda de demolición do PP sobre o ensino público e a sanidade, o BNG pedirá a “paralización do anteproxecto de reforma da lei de Saúde” que suprime catro áreas sanitarias e prioriza os recursos fronte ás necesidades dos usuarios e usuarias.

Cando toda a sanidade pública reponde con concentracións e mobilizacións, o Partido popular impide que o conselleiro Almuíña compareza no Parlamento galego. Dende o BNG lamentamos que o titular de sanidade non dea explicacións no vindeiro pleno sobre o anteproxecto de lei pero sobre todo para escoitar o que temos que trasladarlle  o resto dos grupos da Cámara, apostilou.

O BNG PROPÓN OUTRO SISTEMA DE FINANCIAMENTO

Finalmente, Pontón tamén se referiu a proposta de lei que defenderá o BNG para a posta en marcha dun novo modelo de financiamento. Nesta liña apuntou que este será un dos debates de máis importancia para Galiza e lamentou, que unha vez máis, o Goberno galego permaneza “ausente” e impida que Galiza teña unha posición forte nun debate que vai a determinar os recursos para financiar a “nosa sanidade, a educación, a dependencia, a protección do medio ambiente e a creación de emprego”. Fronte a pasividade do Goberno, recalcou Pontón dende o BNG facemos unha “proposta ambiciosa”, que confía na nosa capacidade como país e acadar unha fiscalidade xusta e adaptada á realidade dos galegos e galegas.

O actual sistema de financiamento foi “un pésimo negocio para Galiza” e incide nunha insuficiencia financeira que non está relacionada cos impostos que pagamos porque recibimos 3.500 M€ menos e contar con este instrumento impulsaría un “novo modelo económico” para blindar os servizos públicos, apostar pola creación de calidade do emprego ou poñer en marcha un novo modelo de transporte, asegurou a nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG