A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse en Lugo a impulsar a intervención pública de Alcoa, participada por Xunta e Goberno estatal, para garantir o emprego e a actividade económica dunha factoría que, segundo recalcou, “non podemos permitirnos o luxo de perder” porque Galiza “xa perdeu demasiado emprego industrial”.
“Cada día que a Xunta e o Goberno central seguen sen acometer esa intervención é un día que perden os traballadores e as traballadoras e que gaña Alcoa, que xoga a favor dos intereses de Alcoa”, reprochou para advertir que a “folla de ruta” da multinacional é o peche da factoría da Mariña.
Neste sentido, alertou que a proposta da dirección da empresa é reactivar as cubas na planta mariñá pero “coa ameza de que se acaban os fondos e que, polo tanto, iso vai acelerar o peche”. “Ese é o guión que ten escrito Alcoa, pero non é o guión que comparte o BNG” porque, segundo afondou, se pode cambiar a situación apostando por unha intervención pública que permite o actual marco legal “para salvagardar o emprego e a actividade económica”.
Logo de lembrar que esta é unha fórmula empregada noutros lugares do mundo, como en Italia, país que salvou unha empresa similar grazas a unha intervención pública, a líder nacionalista recordou tamén que o Estado español acaba de decidir unha intervención en Telefónica por ser esta unha empresa estratéxica.
“Pois ben, Alcoa neste momento é estratéxica para a provincia de Lugo e é fundamental que Xunta e Goberno central deixen de marear a perdiz e poñan por diante os dereitos dos traballadores e as traballadoras e o interese xeral de Galiza”, reclamou.
Ante a inacción de ámbolos dous executivos, Pontón reafirmou o seu compromiso para, se obtén a confianza dos galegos e das galegas o próximo 18F, impulsar a intervención pública para que a xente da Mariña “deixe de vivir co corazón nun puño” e o conxunto dos galegos e as galegas teña a tranquilidade de que a factoría “vai seguir no noso País, xerando riqueza e emprego”.
Nunha visita á praza de abastos de Lugo acompañada pola cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, a candidata nacionalista á Presidencia da Xunta tamén se referiu ás eleccións galegas, da que dixo, “son as máis abertas dos últimos anos e nas que nos xogamos cal é a Galiza das próximas décadas” e nas que apelou a unha “mobilización masiva” de todas as persoas que queren cambio para construír un País mellor e a concentrar todo ese apoio na candidatura do BNG, xa que na cita electoral do próximo 18F só hai dúas alternativas: “se temos un presidente que se chama Rueda ou se temos unha presidenta que se chama Pontón”.
A líder do Bloque indicou que na precampaña a formación nacionalista está percibindo “unha corrente de simpatía que medra” e mostrouse convencida de que esa “onda de ilusión” vaise traducir tamén en que “moitas persoas que nunca colleron a papeleta do BNG vano facer por primeira vez o 18 de febreiro”.
Nesta liña, defendeu un cambio de ciclo necesario para Galiza e para Lugo porque, segundo recalcou, resulta evidente que o PP non soubo desenvolver nin a cidade nin a súa provincia para “brindarlle un futuro mellor á xente de aquí”.
“En Galiza, ao longo dos últimos 43 anos, tivemos seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, e non conseguiron situar a este País no lugar que merece”, afirmou para sinalar que “este é o momento” de ter “unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, ante todo e sobre todo”. “A clave é a participación e que unamos todo o voto de cambio na papeleta do BNG”, concluíu.
Pola súa parte, Rodil destacou que o proxecto de goberno do Bloque sitúa ás persoas no centro, ás e aos comerciantes, pero tamén á xente que se aproxima aos mercados de abastos e ao comercio local para facer diariamente a súa compra, “unha compra que é difícil, cunha costa arriba cada día máis grande pola crise de prezos”.
Ante o incremento do custe da vida, Rodil avanzou medidas de apoio para todas as persoas que teñen dificultades para chegar a fin de mes teñan a axuda dun Goberno galego liderado polo BNG para poder mercar produtos saudables e de proximidade, así como a facer fronte a gastos sobrevidos.
“Hoxe en Galiza hai máis de 600.000 persoas que chegan con moitísima dificultade a fin de mes, moitas delas aquí en Lugo, e o que queremos é impulsar medidas para axudalas”, avanzou, para concluír que poder aproximarse á tenda de proximidade a mercar produtos que garanten unha correcta alimentación e ter vidas dignas é un dereito fundamental.