En vésperas da celebración do 17M a portavoz nacional mantivo un encontro coa candidatura da Coruña, encabezada por Francisco Jorquera, e con creadores e creadoras de contidos en galego para abordar a situación do idioma tras catorce anos de normativa “língüicida” do Partido Popular, que ten provocado unha caída en picado do uso e da compresión da propia lingua. Ante un PP á contra co galego, o BNG será axente activo a favor.
“Fronte a un Partido Popular convertido nun terminator do galego, os concellos BNG serán axentes activos da normalización do uso do galego en todos os ámbitos, facilitando que calquera persoa que así o decida poida desenvolver a súa vida en galego con liberdade e normalidade”, declarou Pontón, “axentes activos do fomento, impulso e prestixio do noso propio idioma, porque é unha riqueza, un sinal de identidade e de orgullo que debemos potenciar e porque o galego non ten límites”.
Neste sentido, avanzou que desde o ámbito municipal o BNG xoga e seguirá xogando a favor da promoción do idioma e do dereito a vivir en galego en todos os ámbitos, compromiso especialmente importante nun momento de retroceso da lingua, “por iso os gobernos municipais do BNG terán entre as súas prioridades fomentar a normalización do galego”.
Como propostas concretas no ámbito municipal, poñer en marcha un servizo específico de normalización lingüística dotado de medios e de persoal; o uso do galego como lingua oficial de comunicación en todas as áreas e ámbitos da acción dos gobernos locais e a colaboración coas entidades sociais.
Igualmente, medidas encamiñadas a fomentar o uso do idioma no tecido empresarial, no comercio e en todo tipo de negocios; o galego como lingua de atención e comunicación verbal e documental do concello así como poñer en marcha campañas de normalización do uso da nosa lingua en todos os ámbitos.
Pontón agradeceu a participación dos creadores e das creadoras de contidos en galego que asistiron ao encontro coa candidatura da Coruña no céntrico Café Universal, xeradores de contidos no propio idioma nas RRSS, na literatura, no audiovisual e en diversas áreas, porque “fronte ao libro negro do PP empeñado en desgaleguizar a nosa sociedade está o libro branco que a sociedade quere escribir en galego.”
Un libro negro produto da normativa aplicada desde o Goberno, primeiro de Feijóo e agora de Rueda, que ten efectos letais para a lingua: Por primeira vez deixou de ser o idioma maioritario da sociedade; o 24% da poboación menor de 14 anos recoñece que no sabe falar galego e por primeira vez en democracia un goberno prohibiu por decreto aprender en galego materias como matemáticas, física, química e tecnoloxía.
A fraude do plurilingüismo
“Os resultados mostran que o cacarexado plurilingüismo do PP é un timo, unha fraude que conduce ao monolingüismo: menos galego e máis castelán. E así o mostran todos os datos oficiais”, denunciou Pontón, destacando que o BNG apostará con decisión por fomentar e impulsar o uso do galego desde os gobernos municipais.
Pontón lembrou que o Día das Letras Galegas é unha xornada de celebración e tamén para reivindicar, “porque o galego non ten límites como demostra a mocidade que o usa sen complexos, tanto na súa vida persoal como profesional e con éxito, fronte a un PP língüicida está unha sociedade que non quere renunciar ao seu idioma e que desde o BNG queremos acompañar”, concluíu, destacando que o galego é “unha fonte de riqueza con presente e con futuro e os concellos BNG traballan desde o orgullo do propio e para que o noso idioma teña mil primaveras máis”.
A riqueza do galego
E desde ese compromiso, o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, considera “imprescindíbel” que o futuro Goberno da Coruña desenvolva a Ordenanza do Galego, aprobada neste mandato por iniciativa da formación nacionalista.
“É imprescindíbel aplicar a ordenanza e impulsar políticas desde o Concello que normalicen o uso da nosa lingua en todos os ámbitos”, defendeu. “Ese é o compromiso que asume o BNG”, engadiu. “Na Coruña temos un riquísimo tecido de creadoras, creadores e empresas culturais e doutros ámbitos que fan do galego o seu medio de expresión. Ese tecido haino que apoiar decididamente desde o Concello, en diálogo permanente con toda a xente que crea riqueza a partir da nosa lingua”, concluíu.