Ana Pontón: “É esperpéntico que os Franco denuncien a 19 demócratas por reclamar a devolución do roubado”

Ana Pontón en Betanzos
Ana Pontón en Betanzos

Pide ao goberno de Sánchez que dea un paso adiante para que os bens roubados polo franquismo en Galiza retornen ao seu lexitimo dono, o pobo galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón trasladou hoxe o apoio do BNG ao colectivo -19 de Meirás-  na   concentración  ante o Xulgado de Betanzos  onde se  iniciaron as primeiras declaracións tras a demanda criminal presentada pola familia do ditador e a Fundación Franco. Para a nacionalista, resulta “esperpéntico” que a familia Franco denuncie a 19 persoas por realizar un “acto cívico, pacífico e democrático para reclamar que o Pazo de Meirás sexa devolto ao patrimonio galego”.

A portavoz nacional do BNG, manifestou que a persecución contra persoas demócratas e defensoras de Memoria histórica  fainos pensar que  que vivimos nun mundo  ao revés porque hoxe, afirmou , quen tiña que estar declarando é a familia Franco  que leva “40 anos ocupando un pazo que é patrimonio público galego”. O pazo representa o “roubo e extorsión”  a miles de galegos e galegas durante o franquismo e dende o BNG consideramos que as 19 persoas que escenificaron “ese acto simbólico” fixeron unha contribución á democracia. Pontón lembrou que que o debate sobre a devolución do Pazo de Meirás continúa aberto ao igual que a devolución da  Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham.

Concentración 19 de MeirásO 30 de agosto  de 2017 un grupo de militantes nacionalistas realizaron unha acción simbólica sorpresa no pazo de Meirás para reclamar a devolución do pazo ao seu lexitimo dono, o pobo galego. A familia do ditador, á que se sumou a Fundación Nacional Francisco Franco interpuxo unha demanda acusando a 19 militantes de diversos delitos pola realización desta acción para os que pide unha pena colectiva de cadea de 247 anos e unha multa de medio millón de euros.

Estas 19 persoas, engadiu a portavoz do BNG, visibilizaron un problema. Se  hai xustiza no Estado español, os 19 de Meirás non deben ser sometidos a ningún tramite máis despois da declaración xudicial  do día de hoxe polo que pediu “ o peche inmediato do proceso” xa que, ao seu entender,  “non existe caso”.

O GOBERNO DE SÁNCHEZ DEBE DAR UN PASO ADIANTE

Pontón explicou que xa se cumpriron máis de dous meses da aprobación no Parlamento galego dunha resolución unánime reclamando que o goberno do Estado “demande á familia Franco porque o pazo non é da súa propiedade”. Tamén existen informes documentados así como vías abertas para que o pazo sexa recuperado e non entendemos porqué  aínda non foi iniciado ese procedemento xudicial. ”Cada minuto que pasa sen que o Goberno do Estado interpoña a demanda, é tempo que gaña a familia Franco”.

Para a nacionalista, Sánchez debe “dar ese paso adiante” e poñer a demanda para recuperar o pazo. Pontón asegurou que boa parte da resolución aprobada no Parlamento galego débese aos 19 de Meirás e si eles “foron valentes” tamén cumpre que o sexa o goberno do Estado e deixe de ser conivente cos intereses da familia Franco.

“É de traca, que a Fundación Franco poida facer apoloxía do franquismo e ao tempo vemos como se chama a declarar a persoas que loitan contra o franquismo, reclaman a democracia e denuncian a impunidade que despois de 40 anos siga existindo o franquismo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG