A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu o barrio compostelán onde transcorre o seu cada día, entre as rúas da Almáciga e Concheiros, para enviar a súa mensaxe de fin de ano. Mensaxe na que convida á cidadanía a ganar unha Galiza mellor en 2024, convencida de que o 18 de febreiro será a data do cambio, o momento de facer historia cunha presidenta do BNG liderando o próximo goberno galego.
“Nestas rúas fago a miña vida cotián, falo cos meus veciños e veciñas, fago a compra, levo a Icía ao cole, quedo coas amizades”, relata Pontón, e sobre todo, escoita as preocupacións da xente, das persoas que a rodean.
“Ana, -dinme-, hai que facer algo coa sanidade, coa atención primaria; a suba dos prezos afóganos, non me dá para chegar a fin de mes; teño un fillo que non atopa traballo; sabes canto me subiu a hipoteca no último ano? Non prendo a calefacción, porque me da medo a factura da luz”, son algunhas das inquedanzas que lle traslada a súa veciñanza e que Pontón comparte na súa mensaxe de fin de ano.
“Son as preocupacións que me chegan falando coas persoas do meu barrio, as mesmas que me compartides vós nos encontros que teño cada día polo País, as mesmas que sinto eu”, confesa.
A líder do BNG aproveita a mensaxe de felicitación para destacar que o 2024 que está a punto de empezar é un ano no que os e as galegas van decidir o nov goberno, que aspira a liderar. “Aspiro a ter a vosa confianza para ser a próxima presidenta, porque me gusta Galiza, gústame como somos, gústame vivir aquí e quero o mellor para este País”, declara.
Para afrontar ese gran reto, a candidata deixa claro que o BNG ten proxecto de goberno e está preparado para construír un País mellor.
“Merecemos mellor sanidade, mellor educación, tranquilidade para as persoas maiores; merecemos poder dicirlle á xente moza que se quede aquí, que non marche porque vai ter oportunidades; merecemos unha Galiza que apoie á xente do mar e á que traballa a terra para darnos alimentos; que apoie ás persoas que emprenden, as nosas empresas”, relata.
Na súa mensaxe, apela a facer realidade nas urnas esa Galiza mellor, capaz de colocarse na vangarda da ciencia; feminista, implicada na loita contra o cambio climático, orgullosa da propia lingua e cultura, que nos coloca no mundo e nos fai máis felices.
“Esa é a Galiza que quero poñer en marcha co teu apoio, sabendo que hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e que todas son necesarias para o cambio. Estou segura de que o 18 de febreiro imos facer historia, imos gañar unha Galiza mellor”, conclúe Pontón, desexando a todos e a todas un Feliz 2024.