A portavoz nacional e candidata do Bloque á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirma que o cambio en Galiza “pasa polo BNG”, un cambio que considerou “imparable” cunha “maioría social que non deixa de medrar e que quere ese cambio” para deixar atrás 14 anos de goberno do PP “que nos deixa unha Galiza peor da que encontrou”.
Así o afirmou logo doa reunión da Executiva Nacional coa que o formación nacionalista arranca o proceso de cara ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, data “para abrir un tempo novo” da man dun BNG “preparado para liderar o próximo goberno galego”, incidiu.
Pontón indicou que estamos ante as “eleccións máis abertas dos últimos 14 anos” e que, fronte aos “predicadores do non”, o cambio “é posible”. “Queren desmobilizar a todas as persoas que queren cambio porque saben que esa é a súa baza”, advertiu, para mostrar a continuación o seu convencemento de que “van fracasar” porque “hoxe hai unha maioría social que quere cambio e vaino expresar nas urnas con todas as forzas”.
A candidata nacionalista quixo dirixirse a esa maioría que quere avanzar, “a todos os galegos e as galegas que non se conforman co malo coñecido”, para dicirlles que “o cambio é imparable que todas as persoas que soñan cunha Galiza mellor apoian ao BNG o próximo 18 de febreiro”.
Neste sentido, afirmou sentirse “preparada para darlle a este País o mellor goberno da súa historia”, dende a humildade, pero tamén desde o orgullo, “desde a confianza e a ambición de que somos un gran País que temos todo por gañar”.
“Quero dicirlles a todos os galegos e galegas que queren cambio que son a súa candidata”, indicou, logo de poñer en valor “o sólido proxecto de goberno” que ten o Bloque, con “ideas para transformar este País e capacidade para levalas adiante”.
Pontón asume o reto de “lograr que por primeira vez unha nacionalista e unha muller sexa presidenta” e, nesta liña, recordou que ao longo de 40 anos de democracia, Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, cun resultado que está á vista porque o País “non está no lugar que se merece”.
“Penso humildemente que Galiza vai saír gañando cunha presidenta do BNG, que a este País vaille ir moito mellor”, asegurou, para pedir aos galegos e galegas que lle dean a oportunidade ao Bloque de demostrar que “podemos facelo mellor”.
Porque, segundo dixo, cunha “presidenta coas mans libres” e cun “proxecto común de País”, pensado polo Bloque “dende nós e para nós”, “temos a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, fronte a unhas forzas estatais que van traer ás eleccións galegas “as súas batalliñas e as súas liortas madrileñas” que nada solucionan.
“As eleccións galegas non van de Feijóo nin de Sánchez, van de solucións para o noso futuro colectivo, van de que nos fagamos valer e de avanzar”, advertiu, logo de situar ao BNG como a alternativa ao PP “porque os galegos e as galegas saben que somos a única forza que ten un proxecto alternativo de futuro, sen ataduras e sen submisións”.
Por iso, centrou a próxima cita coas urnas nunha escolla entre dúas alternativas: “ou seguir cun Goberno liderado por un PP que nestes 14 anos xa nos demostrou que fixo retroceder a Galiza ou apostar por un goberno liderado polo BNG que representa a confianza, esperanza e ilusión para construír a mellor Galiza, a Galiza que queremos e que soñamos”.
Un goberno liderado polo BNG, a mellor lotería que lle pode tocar a Galiza
Nesta liña, avanzou que a do Bloque será unha campaña “á altura deste País”, unha campaña de ideas e de propostas para devolverlle a esperanza e a ilusión á cidadanía. “Para unha Galiza onde haxa máis oportunidades, que reforce a educación pública, que poña a enerxía ao servizo da sociedade galega e na que construamos un País mellor entre todos e todas”, afondou.
A candidata do BNG mostrouse convencida de que “este é o momento do cambio”, o momento de “facer historia” para que este País teña por primeira vez a unha presidenta coas mans libres e “o mellor goberno de todos os tempos” para “mellorar a vida das persoas”, o que segundo subliñou, dá sentido á política. “Que saiban que van ter un goberno que as vai acompañar, que as vai coidar e que vai estar sempre coa man tendida para mellorar as súas vidas”, recalcou.
“Saímos a gañar, a gañar un futuro mellor para todos e para todas”, afirmou, para concluír que o cambio liderado polo Bloque é “a mellor lotería que lle pode tocar a Galiza” e o día para poder ter “un premio dun goberno que traballe pola maioría social e por darlle a este País un futuro mellor, é o 18 de febreiro”.