A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu poñer o foco na importancia de non perder a oportunidade dos fondos europeos de recuperación e aproveitou a sesión de control para facerlle entrega ao presidente da Xunta o documento Xerar Futuro, Galiza Next, que condensa os proxectos do BNG para mobilizar 14.800 M€ para saír da crise e sentar ás bases do desenvolvemento das próximas décadas.
“Voulle facer entrega da proposta do BNG señor Feixóo, é agardo que a súa resposta non sexa de novo o insulto, a difamación e o ataque porque os galegos e as galegas, aí fora, esperan de nós o mellor ante a maior crise en tempos de paz que lle tocou a este País”, indicou Pontón dirixíndose ao xefe do Executivo.
A líder nacionalista facía esta advertencia tras denunciar a deriva “radical” dun presidente da Xunta instalado na crispación e empeñado en “enlodar” o debate parlamentario para evitar falar dos problemas reais.
“Cada día é máis evidente que lle sobre este Parlamento e está facendo das súas intervencións un exercicio permanente de trumpismo político señor Feixóo, convertido no Trump de Galiza, e todo para tapar a súa nefasta xestión da crise e a súa falta de proxecto para erguer o País”, denunciou, “pero desde o BNG imos seguir traballando coa máxima responsabilidade para darlle alternativas á cidadanía e temos unha proposta para falar en serio de como poñer en marcha a reactivación económica e estou agardando a que o presidente da Xunta levante o teléfono para falar do futuro do País coa forza que lidera a oposición”.
Neste sentido, a portavoz do Bloque lamentou a imaxe dun Feixóo cada vez máis radicalizado que só busca “o lío e a confrontación” como estratexia para non falar dos problemas da xente e da súa falta de alternativas para solucionalos.
“Está cada día máis radical e máis nervioso e resulta bochornoso vir unha vez máis á sesión de control a facer oposición da oposición. Mire, eu pregúntolle por Galiza e vostede fálame do 23F, pregúntolle polos fondos de recuperación económica e vostede fálame do 23F e pregúntolle pola campaña de vacinación e vostede fálame do 23F”, replicou Pontón como un exemplo máis da estratexia de crispación coa que o presidente da Xunta pretende evitar que o Parlamento “fale dos problemas reais da xente e da súa incapacidade política para darlles solucións”.
Na súa intervención, a portavoz do Bloque denunciou que, tras un ano de pandemia, non houbo un reforzo da sanidade pública, nin sequera para planificar o proceso de vacinación. E en materia económica, tampouco se puxo en marcha un plan de rescate real para os sectores máis impactados pola crise, só axudas puntuais “pero insuficientes para evitar o peche de miles de negocios”.
Parlamento, centro da vida política
No ámbito económico, Pontón ve especialmente grave que o Goberno do PP careza dunha alternativa para defender os intereses de Galiza nos fondos europeos de recuperación, máis alá de as xestións a favor dun puñado de multinacionais.
“Na pasada sesión de control pregunteille por este tema, pero respondeu como xa é habitual: crispación, descualificacións persoais e enlodando o debate, porque cada día é máis evidente o seu desprezo por esta Cámara e máis evidente que lle sobra o Parlamento e está máis cómodo na súa realidade paralela e na manipulación”, criticou.
A líder nacionalista considera que, no fondo, ao presidente da Xunta o que lle gustaría pechar o Parlamento, “pero como non pode intenta boicotealo pola vía da crispación, do insulto, da mentira e enlamando o debate, todo para evitar un debate político non que haxa alternativas”. “Xa lle digo que non o vai lograr e que o BNG vai defender que este Parlamento debe ser o centro da vida política, lugar do debate, de propostas e de consensos para darlle solucións ao País”.