Municipais 2023

Ana Pontón destaca o modelo municipal de éxito do BNG e o liderado de Olaia Ledo como o mellor para darlle futuro a Narón

Ana Pontón en Narón
Ana Pontón en Narón
Olaia Ledo: “Saímos cun proxecto de goberno moi claro para que este concello teña todo o que merece”

A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañou hoxe en Narón a candidata á Alcaldía polo BNG, Olaia Ledo, nun encontros coa Asociación de Xoves Empresarios e a Asociación de Mulleres Ártabras no co-working deste municipio.

Pontón cualificou a Ledo como “unha muller preparada, con empuxe, dinámica, que vai ir a por todas nestas eleccións municipais” para desenvolver en Narón “o modelo municipal de éxito do BNG, referencia de bo goberno, sinónimo de calidade e de transformación en positivo para darlle a Narón o impulso económico, empresarial e social que precisa”.

“Saímos cun proxecto moi claro para que Narón teña todo o que merece”, avanzou a candidata á Alcaldía, que puxo o foco na súa intención de crear espazos de traballo co-working para as persoas emprendedoras, a inclusión de cláusulas sociais e cláusulas de igualdade na contratación con empresas. “E hai algo nos parece merece unha reflexión como son certas bonificacións a servizos moi elevados pero que non axudan ao comercio local nin á pequena e mediana empresa, á que tamén queremos potenciar”, engadiu.

Ledo salientou as vantaxes que o modelo municipal do BNG ofrece a vilas como Narón, xa que “este concello non ten centros comerciais abertos nos seus barrios e parroquias, nós queremos espazos públicos abertos a todos e todas e sabemos que o mellor que pode ter Narón é o seu comercio local, que sae adiante cada día con xente que traballa e que emprende”. Igualmente, a candidata destacou outro dos obxectivos do Bloque para este municipio, como é a conexión mediante transporte público ao polígono industrial de Río do Pozo, “porque a veciñanza das propias parroquias que lindan con ese polígono non pode acceder camiñando porque é un auténtico perigo”.

Ademais da creación “de novos parques empresariais, con zonas de ocio e descanso que vaian máis aló do antigo modelo do polígono industrial, Ledo sinalou como prioridade a creación dun Festival Video Gamer en Narón, xa que se trata “dun concello coa poboación máis nova en idade, xente que emprende nas novas tecnoloxías e Narón debe aproveitar iso, débense crear puntos de encontro”, emprazou, para o que tomou de referencia o que o BNG xa creou en concellos como Carballo o Interplay, festival de referencia na creación audiovisual do País.

Concellos BNG con máis impulso e conciliación laboral

A portavoz nacional, pola súa banda, colocou aos concellos BNG como lugares “nos que hai máis capacidade para crear dinamismo económico e social e iso ten detrás concellos que queren ser impulso de toda esa actividade, de todo ese talento e empuxe que teñen moitas persoas no noso País”.

“É tamén moi importante atender a aposta pola conciliación, necesítase de máis recursos públicos para conciliar, desde escolas infantís a ludotecas, servizos de canguro  que realmente permitan que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres deste País”, incidiu Pontón.

Pontón avanzou que o BNG “terá un resultado histórico en Narón, porque non saímos xogar a primeira metade do partido senón a por todas”, e augurou un gran resultado “porque máis BNG é bo para os concellos e é bo para Galiza”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG