Unha delegación encabezada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e integrada por representantes de CIG Industria reunirase mañá na Comisión Europea coa Directora de Mercados de carbono en Europa e internacionais, Beatriz Yordi. O obxectivo do encontro radica en reclamar o dereito de Galiza a estar incluída no "Green and Fair New Deal" da UE, é dicir, nos plan de transición enerxética xusta, dada a grave situación que atravesa o sector industrial galego.
“Non podemos permitir o peche de ENDESA sen garantir unha alternativa de futuro, en termos económicos e de postos de traballo”, subliña a portavoz nacionalista, en referencia aos 700 empregos directos que dependen da factoría. Neste sentido Pontón afirma que a reunión que manterá mañá coa Directora de Mercados de carbono en Europa e internacionais enmárcase nas iniciativas que o BNG está desenvolvendo co fin de atopar alternativas a ese peche.
Precisamente o Bloque ten reclamado en numerosas ocasións que se establezan as modificacións legais pertinentes para que Galiza se beneficie das axudas á descarbonización, co obxectivo de que poida entrar no plan de acción urxente para países con centrais que usan o carbón e están ameazadas por peches, de forma que teña o mesmo tratamento que Asturias, Aragón ou Castela-León.
Así, a delegación quere informar da situación de exclusión de Galiza nos plans de transición xusta, tanto estatal como autonómica e tamén obter información sobre o estado de elaboración, contido, alcance, ámbitos, prazos de aplicación e procedementos de desenvolvemento do "Green and Fair New Deal" ou de outros programas vixentes que permitan alternativas económicas de Galiza.
Peche anunciado para 2022
Tras meses de incertidume, na actualización do plan estratéxico de Endesa para 2020-2022 que a empresa publicou a finais de setembro figuraba que as centrais de carbón desaparecerán a partir de 2022, de forma que a central das Pontes pecharía as súas portas no 2022 como moi tarde. Segundo ten explicado a empresa, a central térmica deixa de ser competitiva debido ao prezo do carbón e ao forte incremento do prezo da tonelada de dióxido de carbono, que pasou de 16 a 25 euros, cun incremento de case o 60%. Esta situación propiciou a paralización do investimento que tiña previsto, de 217 millóns de euros, para adaptarse ás normas medioambientais comunitarias, -a Directiva de Emisións Industriais (DEI) e as normas Bref-, ademais do descenso dun 71% da produción, ao pasar de 7.993 xigavatios hora en 2018 a 2.294 xigavatios hora até finais de novembro deste ano.
“É evidente que diante destes datos Galiza ten que estar incluída nos plans de transición enerxética xusta da Unión Europea e necesita medidas que teñan como prioridade manter a actividade económica do país e os postos de traballo”, subliña a portavoz nacional, en referencia á aprobación do estatuto das electrointensivas e á tarifa eléctrica galega.