Ana Pontón defende para Galiza o que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos

Acto financiamento Lugo
Acto financiamento Lugo

Participa en Lugo nun acto público dentro da campaña do BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para os galegos e as galegas

Santiago de Compostela, 23 outubro 2024.- A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Lugo o modelo alternativo de financiamento que propón o BNG e que pasa por acadar un acordo bilateral co Estado que lle dea a Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e das galegas.   

Así o indicou nun acto público na capital lucense enmarcado na campaña ‘Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos” que está a desenvolver o BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País e no que tamén participou o tenente alcalde da cidade, Rubén Arroxo.  

“Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegas”, incidiu, desde o convencemento de que Galiza non se pode conformar coas “migallas” e ten que negociar un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos, fronte ao modelo dun PP que só quere retoques cosméticos no sistema actual, un sistema que cualificou de inxusto e que fai perder miles de millóns á cidadanía galega.

Nun momento no que se debate o modelo de financiamento, o BNG considera que Galiza non pode permanecer como mera espectadora nin perder o tren nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como pretende o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijóo en Madrid que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas. 

Por iso, no modelo de concerto que defende a formación nacionalista, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou a portavoz nacional, quen subliñou que, co actual modelo, o Estado está facendo caixa a costa da cidadanía galega.

Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, o saldo a favor do País sería enorme.  

Para afondar no infrafinanciamento de Galiza, Pontón tamén recordou o informe do Consello de Contas que, tras analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, é dicir, que Galiza perde sobre 1.500 millóns cada ano.  

Por iso, e logo de criticar a Rueda que se negase a negociar a quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura, a líder nacionalista pediu ao titular do Executivo que actúe como tal e protexa os intereses dos galegos e das galegas, defendendo que teñan a chave dos seus cartos para que Galiza non se converta na única nación histórica que non vai ter ese status. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG