A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou nun acto aberto en Porto do Son dentro dos actos públicos de precampaña, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.
Neste sentido, Pontón avanzou o seu compromiso de que un goberno do BNG “non vai permitir nunca, nunca, que unha multinacional verta millóns de litros de auga contaminada da Mina de San Finx á ría de Muros-Noia” como fixo o PP, ao que acusou de poñer en risco o pan de moitas familias, ademais de constituír este feito un atentado medioambiental. “Para o candidato Rueda son máis importantes os intereses dunha mineira australiana que o futuro de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo”, reprochou.
Diante da disxuntiva entre a rapina dunha multinacional que opera desde paraísos fiscais, “disposta a aproveitarse da nosa riqueza” e 5.000 postos de traballo e unha das rías máis produtivas e máis ricas de Galiza, a líder nacionalista dixo ter “moi claro” de que lado situarse. “Do lado da xente do mar, do lado das persoas que nesta comarca viven da pesca e do marisqueo”, aclarou para insistir a continuación en que, por iso, “como presidenta non permitirei nin un só vertido contaminante máis da mina de San Finx sobre a ría de Muros-Noia”.
No marco do seu claro compromiso co sector do mar, Pontón tamén avanzou que un Goberno liderado polo BNG porá en marcha un Plan de xestión das rías, co obxectivo de reverter a perda de produtividade, e un seguro público que cubra as perdas eventuais pola caída da produción no sector marisqueiro. “Temos o mellor produto do mundo e queremos que siga sendo así”, asegurou.
Así mesmo, avogou por mellorar as infraestruturas da comarca, “empezando polo transporte público”, repoñendo as liñas suprimidas polo PP para facilitar a mobilidade da veciñanza. A isto sumou o seu compromiso de que a comarca non vai ser pasto do espolio eólico “enchendo o territorio de muíños para que as eléctricas se sigan forrando mentres as familias e as empresas non ven ningún beneficio” porque, segundo indicou, o Goberno que aspira a liderar desenvolverá un novo modelo eólico que porá a riqueza eléctrica do País “ao servizo da maioría”.
“Galiza precisa un goberno e unha presidenta que en lugar de ser parte do problema sexa parte da solución, un goberno que en lugar de ir en contra como fai o Partido Popular, defenda os intereses da veciñanza do Porto do Son e de toda esta comarca”, remarcou.
Mobilización e concentración do voto do cambio no BNG
Neste sentido, Pontón apelou a abrir un tempo novo no País a partir do 18 de febreiro mobilizando esa maioría social “que quere cambio” e concentrando todo ese voto no Bloque porque, segundo recalcou, “somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.
A candidata nacionalista cualificou estas eleccións galegas como ás máis importantes dos últimos tempos, unha cita electoral na que, dixo, “só hai dúas alternativas”. “Ou un Goberno do PP, co candidato Rueda, que nos deixa unha Galiza peor e máis pequena; ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor”.
Neste sentido, amosou o seu convencemento de que “hai partido” e afirmou que dende o Bloque “saímos a gañalo”. “Imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai unha maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”, incidiu.
Pontón avanzou o País que aspira a construír como presidenta, “unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria e que aposte pola ciencia e pola innovación” porque, segundo afondou, “queremos competir no mundo desde o coñecemento, non con salarios baixos e empregos precarios”. “Quero ser a próxima presidenta para poñer en marcha esta Galiza posible e está na nosa man facelo posible”, concluíu.