A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Pontevedra para destacar o seu “orgullo” de poder liderar un BNG que ser presenta ás eleccións do 26M “cos deberes feitos”, e cun modelo municipal de éxito que quere estender por Galiza, do que Pontevedra é o un exemplo paradigmático.
“Temos un modelo municipal que funciona, onde gobernamos melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, que saben xestionar cada euro, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables. Concellos dos que sentir orgullo, demostramos que cando temos confianza nas nosas capacidades facemos grandes cousas, hai progreso e as persoas son máis felices. Por iso pídovos o apoio ao BNG nas eleccións municipais e europeas do 26M”, proclamou deste o teatro principal da cidade do Lerez.
Pontón salientou que o modelo municipal do Bloque demostrou o seu éxito tanto no medio rural, como no medio urbano, e citou Pontevedra “como exemplo paradigmático do bo funcionamento dese modelo que queremos estender por Galiza, unha cidade convertida nun referente a nivel internacional”. Ve tamén nesta urbe “o exemplo de que a política é a solución, de que non todos somos iguais e de que para ter un futuro prometedor é clave confiar no país”, recalcou tras instar “a sumar máis BNG en Pontevedra o 26M porque é a única garantía de que sigue avanzando”.
O candidato á Alcaldía e actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un sintético balance do mandato. “No rural, no urbano, nos barrios, nos servizos, nas dotacións, nas infraestruturas, na dinamización cultural, social e deportiva, na proxección exterior da cidade, este foi claramente o mandato máis frutífero dende que teño recordo da política municipal”.
Capítulo aparte foi a mención a ENCE, que actúa sempre nas campañas electorais, denunciou.
“Hai anos os seus directivos dixéronme claramente á cara: nos sale más barato cambiar la opinión pública que trasladar la fábrica. Entendéuselles moi ben: nas súas contas resultáballe máis barato comprar a certos axentes que un traslado, que é posíbel pero resúltalles máis caro”, explicou. “E nesas andan, compraron ao PP que lle cambiou a Lei de Costas e lles concedeu unha prórroga fraudulenta. Pero engánanse, xa lles quedou claro moitas veces, pero vamos a repetirllo outra vez: o BNG non se vende, Pontevedra non se vende”.
Compromisos de Lores
“Temos un compromiso con Pontevedra e solo a ela nos debemos”, recalcou Lores. Ese compromiso é “conseguir unha Pontevedra avanzada, culta, tolerante, cohesionada, igualitaria, inclusiva, innovadora, respectuosa co noso medio e co noso patrimonio, orgullosa da nosa identidade, con alta calidade de vida e con elevado dinamismo económico e social”.
No mitin nacional desta primeira xornada de campaña, a eurodeputada e candidata ao Parlamento europeo, Ana Miranda, salientou que o BNG demostrou ser “unha forza eficaz e fiable na defensa dos intereses de Galiza tamén desde as institución europeas, e por iso pedimos o voto de todas as persoas que queren que o noso país conte tamén en Bruxelas e dispoña dunha voz firme na defensa dos intereses galegos”.
Escano feminista e ecoloxista
Pero ademais, “esta candidatura seguirá estando a favor da verdade e da xustiza, ao lado da defensa dos nosos sectores produtivos, da dignidade das vítimas do Alvia e para ter unha seguridade ferroviaria que impida nunca máis outra traxedia, seguirá sendo o escano en defensa dos dereitos das mulleres porque neste tema, -nin un paso atrás-, é unha candidatura ecoloxista porque estamos ante unha urxencia climática que urxe mudar modelos como o de Sogama”, proclamou.
Puxo Pontevedra como evidencia de que outra Europa é posible, “fronte ás multinacionais, o comercio local; fronte a burbulla inmobiliaria, o urbanismo sustentable; fronte a un modelo que marca a Troika neoliberal e de recortes, dereitos e liberdades”. A candidata puxo en valor ter sido “quen defendeu Galiza no Parlamento Europeo” en contraposición ás forzas “que ían a remolque das propostas do BNG”. “Somos o equipo da casa, o que sempre está e da a cara”, concluíu pedindo o voto para reforzar o escano galego en Bruxelas a partir do 26M.
Pontón tamén puxo en valor o traballo de Miranda, -“fixo máis en 15 días que Millán Món en 15 anos”, ironizou-, e por iso pediu o apoio para o BNG tamén nas eleccións europeas, “para seguir dando voz propia a Galiza, visibilidade e solución os nosos problemas tamén no Parlamento Europeo, pero igualmente para alzar a para defender unha Europa social, dos pobos, solidaria e democrática, para iso tamén está o escano do BNG. Coa confianza “nun proxecto sólido, unido e coa man tendida”, pediu o voto para o Bloque na cita coas urnas para ás eleccións municipais e europeas o 26M.