Municipais 2023

Ana Pontón coloca Carballo como exemplo do modelo municipal de éxito que o BNG quere estender por toda Galiza o 28M

Acto Carballo
Acto Carballo

Amor polo lugar que habitas e proxecto, claves que Ferrero destaca para ter logrado un concello que hoxe é referente de calidade en todo o País

“Evencio seguirá sendo o mellor para Carballo”, subliña Pontón, quen se compromete a ser unha presidenta de Galiza que cumpra con Carballo

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa intervención no mitin de Carballo cun recoñecemento a figura de Milagros Lantes, “unha das grandes, exemplo para moitas de nós, mulleres, que queremos actuar desde a política para transformar o mundo, grazas pola túa forza e pola túa xenerosidade”.  

Hoxe Carballo, continuou a líder do BNG é un concello de referencia en toda Galiza, grazas a un equipo de goberno excepcional, “liderado polo mellor dos capitáns, Evencio (Ferrero),  que seguirá sendo o mellor alcalde da historia de Carballo tras o 28 de maio”, proclamou.

Pontón destacou que Carballo é un exemplo do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo que funciona, como se constata nas vilas e cidades nas que goberna. “Digo co máximo orgullo, os gobernos municipais do BNG son sinónimo de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro,  con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”.

Hoxe Carballo é un referente en toda Galiza, polo seu urbanismo sostible, “derrubando muros para construír arte”; un referente pola recuperación e a cohesión dos barrios, polos servizos públicos que ofrece, as políticas feministas e a favor da igualdade social. Un concello cun gran tecido empresarial e comercial, que aporta riqueza e emprego, cunha axenda cultural de primeiro nivel.

“Carballo é hoxe un lugar excelente para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar”, sintetizou, “por todo isto, Evencio é o mellor alcalde da historia deste concello e seguirá sendo o mellor outros catro anos máis”. Un concello hoxe convertido en referencia pese a un Goberno do PP na Xunta “xogando á contra” e poñendo paus nas rodas.

“Porque  o PP leva catorce anos boicoteando Carballo, boicoteando todas e cada unha das infraestruturas que este concello precisa: Non á ampliación do parque  empresarial, non á circunvalación, non ao abastecemento de auga á costa, son o Partido Popular do non a Carballo. Por iso, o 28M os veciños e as veciñas van dicir si, a Evencio, si ao BNG e si a seguir construíndo un Carballo mellor para todos e para todas”.

Fronte a ese boicot, Pontón comprometeu colaboración total: “Tendes a miña palabra,  o meu firme compromiso de que, cunha presidenta do BNG, Carballo terá no Goberno de Galiza todo o apoio que precise, ides ter en min unha aliada incondicional para que Carballo teña o investimento e as infraestruturas que reclama e que merece”, concluíu.

Pola súa parte, Ferrero destacou dúas das claves que definen a súa acción de  goberno: amor por Carballo e proxecto de concello.

“A primeira é o cariño polo lugar que sentes como propio, o lugar que sempre queres ver avanzar e mellorar para ofrecerlle aos nosos veciños e veciñas a posibilidade de vivir nun concello que nos axude a ser felices e do que nos sintamos orgullosos”, indicou. A segunda chave da política municipal, explicou, “é ter un proxecto para Carballo, saber o camiño que colectivamente queremos percorrer, cunha estratexia que marque un horizonte, poñendo sempre en valor as moitas potencialidades que temos”, explicou emotivo. 

Un Carballo para as persoas

O actual rexedor destacou o seu orgullo por ter posto en marcha, man a man co seu equipo e con toda a veciñanza, “un Carballo  para as persoas, con calidade de vida, con máis e mellores servizos, que dispoña dun espazo público de calidade, que manteña un compromiso cun futuro máis sostible e con capacidade para xerar oportunidades e tamén con máis participación veciñal para avanzar na democracia das decisións”.

“Martin Luther King afirmou que tiña un soño, un só soño: seguir soñando. Soñar coa liberdade, soñar coa igualdade e oxalá xa non tivera necesidade de soñalas. Nós tamén temos soños para Carballo, soños que compartimos con vós e que seguro se irán facendo realidade para volver a soñar de novo”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG