Ana Pontón: "O BNG atende unha reclamación histórica da comarca do Deza logrando a rebaixa das peaxes na AP-53"

Na AP-53
Na AP-53

A autoestrada é de 2004, pero tras doce anos de goberno de PSOE e sete do PP no Estado, foi o Bloque o que fixo posible esta demanda, alega

Rego: “Dá seguridade á veciñanza e permite desconxestionar a N-525”

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o BNG atende unha reclamación histórica da comarca do Deza logrando a rebaixa das peaxes na AP-53 cun acordo de investidura que impulsa a axenda galega no Estado e que vai mellorar a vida dos galegos e as galegas.

Así o afirmou a líder nacionalista na presentación en Lalín xunto ao deputado Néstor Rego do acordo que recolle, entre outras cuestións, unha “rebaixa substancial” nas peaxes da AP-53 coa que, segundo salientou, vaise corrixir “o que para nós era unha inxustiza e un agravio cos veciños e veciñas do Deza, que tiñan unha das peaxes máis altas de todo o Estado”.

Logo de reprobar que “hai quen dixo que este acordo eran rebaixiñas”, en alusión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Pontón cuantificou os descontos acadados polo BNG, cos que a peaxe Santiago-Lalín pasa dos 12,80 euros que custa actualmente a ida e volta aos 3,20 euros, o que suporá no caso dos usuarios superrecorrentes (as persoas que fan 20 viaxes ao mes) un aforro mensual de 200 euros, un aforro que considerou especialmente relevante nun contexto de crise de prezos. 

“Creo que a día de hoxe todos sabemos que ter 200 euros máis na carteira dos veciños e veciñas de Lalín é un aforro suficientemente importante como para que ninguén poida dicir que estamos falando dunha cuestión menor”, incidiu para subliñar a continuación a relevancia da medida dende o punto de vista persoal pero tamén dende o punto de vista económico para as persoas que viven na comarca.

A portavoz nacional lembrou tamén que dende que se inaugurou esta autoestrada houbo doce anos de goberno socialista e sete anos do PP en Madrid, anos nos que non se produciu rebaixa algunha nas peaxes da AP-53. Tiveron tempo abondo para poñer en marcha estas rebaixas, e se non o fixeron antes foi porque non quixeron; tivo que chegar o BNG para poñer sobre a mesa un acordo de investidura que esixía que este tema tiña que estar na axenda”, reivindicou.  

Pontón evidenciou así a política útil do BNG, a que defende os intereses de Galiza, incide no día a día da vida das persoas e "iso que dicimos tantas veces -afirmou- que un deputado ou deputada do BNG é máis útil para os galegos e as galegas que os 22 ao servizo das forzas estatais”. “Porque se non houbera unha forza política coas mans libres, estes descontos non estarían aquí”, incidiu.  

A líder do Bloque rematou amosando a súa satisfacción pola rebaixa, se ben advertiu que a formación nacionalista seguirá pelexando por que se libere de peaxes a AP-53, algo que considerou “de xustiza” para o desenvolvemento económico das zonas do interior, no que as peaxes son un lastre.

Pola súa parte, o deputado Néstor Rego incidiu no feito de que o recorte das peaxes da AP-53 eran unha sentida reclamación por parte da cidadanía moi en especial a da comarca do Deza e a de todo o interior do País. “É unha infraestrutura estratéxica para a vertebración do territorio mais, pola contra, conta cunha da peaxes máis caras do Estado e cunha concesión de longa duración”, indicou, en relación a que esta é unha das tres únicas autoestradas de todo o Estado coa máxima concesión permitida de 75 anos, un “selectísimo” grupo do que tamén forma parte a AP-9.

“Que a peaxe pase de custar 12,80 euros a 3 euros permite que moito do tráfico que circula actualmente pola N-525 vaia transcorrer agora pola autoestrada e isto non só é un avance para desconxestionar o tráfico da nacional, senón que é unha mellora da seguranza viaria, o que é unha cuestión moi importante, ademais do aforro que supón para as persoas usuarias nun momento de escalada de prezos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG