parlamento galego

Ana Pontón avanza que a primeira proposta do BNG para A Coruña será a declaración de zona tensionada para abaratar o aluguer

A Coruña
A Coruña

Agradece os resultados históricos acadados nas eleccións galegas polo BNG na cidade herculina e na comarca, superando o 33 % dos votos

En relación ao caso Koldo, asegura que hai que ser “implacable” contra a corrupción e avanza que o Bloque pedirá de novo unha auditoría sobre os contratos de urxencia feitos pola Xunta entre marzo e decembro de 2020

Solicitar a declaración de zona tensionada de vivenda, para conseguir abaratar o prezo dos alugueres, será a primeira proposta que o BNG defenda para A Coruña na nova lexislatura. Así o avanzou este venres a portavoz nacional, Ana Pontón, durante un almorzo informativo que compartiu na cidade herculina coas deputadas e os deputados electos pola provincia nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.

Pontón destacou que a iniciativa do BNG ten por obxectivo dar solución a un dos principais problemas que sofre hoxe en día a cidade da Coruña, onde o acceso a unha vivenda tense convertido en “misión imposible” para miles de persoas, tanto xente moza coma familias con menos ingresos. “Isto é así por unha dobre combinación letal: a carestía e a falta de vivenda pública”, denunciou.

A declaración de zona tensionada de vivenda, que se xa ten solicitado o Concello por iniciativa do Bloque,  permitirá abaratar os prezos do aluguer e facilitar o dereito a unha vivenda digna á veciñanza da cidade, subliñou Pontón, que lembrou que A Coruña é a urbe galega que ten os alugueiros máis altos, cun prezo medio que ronda os 700 euros ao mes.

“Esta situación esta expulsando á xente e provocando un estancamento demográfico na cidade”, advertiu a líder nacionalista, que, neste sentido, subliñou que nos últimos 23 anos a poboación da Coruña só medrou en 3.600 habitantes, un 1,5%, mentres concellos da súa contorna, como Oleiros, Arteixo, Culleredo ou Cambre viron como o seu censo se incrementaba en 38.000 persoas, o que supón un incremento do 44 %. 

De aí a importancia, argumentou, de reclamar tan pronto se inicie o novo período de sesións do Parlamento galego a declaración da Coruña como mercado tensionado, unha proposta que ten rexeitado até o de agora o Executivo do PP, ao que a portavoz nacional recriminou o “abandono total” da construción de vivenda pública, que nos últimos quince anos “caeu a cifras completamente irrelevantes”. En todo ese tempo, denunciou, a Xunta só construíu 40 vivendas de promoción pública.

Pontón avanzou outras propostas para a Coruña do grupo parlamentario, que encara a nova lexislatura “reforzado” grazas ao “apoio histórico” dos coruñeses e as coruñesas, que deron ao BNG máis o 33 % dos votos, unha porcentaxe superada tamén na comarca. Grazas ao apoio recibido, o grupo parlamentar traballará con máis medios, pero tamén  “con máis ganas e empeño que nunca”, para aportar solucións aos principais retos pendentes tanto na Coruña como na súa área metropolitana.

Melloras na sanidade e na mobilidade

Cuestións, dixo Pontón, como a mellora da sanidade pública ampliando os centros de orientación familiar para reverter os recortes do PP, que fixeron que hoxe as mulleres de toda a área sanitaria da Coruña só dispoñan dun centro e un especialista, cando no pasado había dous centros e tres profesionais xinecólogos.

O Bloque tamén defenderá no Parlamento a área metropolitana, que require a aprobación da Cámara despois de que o Concello acordase iniciar o proceso para a súa creación. Trátase, segundo adiantou a portavoz nacional, dunha iniciativa  importante porque permitirá mellorar os servizos a nivel comarcal, tendo en conta que miles de persoas residen nos concellos limítrofes pero traballan na Coruña ou acoden a diario á cidade e o mesmo ocorre á inversa.

Na mesma dirección, a líder do BNG considerou imprescindible mellorar a mobilidade entre a cidade e os concellos da comarca, polo que o Bloque tamén reclamará no Parlamento que a Xunta promova a creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes con participación dos concellos.

Pontón aproveitou o acto da Coruña para agradecer o respaldo “histórico” ao BNG non só na cidade e na súa área metropolitana, senón en toda a provincia, especialmente en concellos como Fene, onde foi primeira forza política co 43 % do voto, ou en Santiago e Carballo, co 37 %. En Arteixo, Cambre, Culleredo ou na propia Coruña, subliñou, o Bloque acadou o 33% dos apoios.

“Imos estar a altura desa inmensa confianza”, garantiu Pontón, que anunciou que o BNG seguirá traballando para intentar transformar o País facendo unha oposición útil e construtiva e demostrando que “hai outra forma de facer política lonxe da crispación e os insultos”.

Auditoría sobre os contratos da pandemia

En resposta aos medios, Pontón referiuse ao caso Koldo asegurando que o BNG considera que hai que ser “implacable” contra a corrupción. Destacou, ademais,  a falta de transparencia das administracións sobre os contratos de urxencia realizados durante a pandemia, incluída a Xunta.

Avanzou, neste sentido, que o BNG volverá pedir no Parlamento unha auditoría dos contratos de urxencia feitos pola goberno do PP entre marzo e decembro de 2020. “Se o PP non ten nada que agochar non deber ter inconveniente nesa auditoría”, alega.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG