Ana Pontón avanza a axenda de temas urxentes que enviará a Rueda e que o BNG entende deben ser tratados con prioridade

Ana Pontón
Ana Pontón

Medidas para paliar a crise de prezos, sacar atención primaria do colapso, avanzar nun modelo público de residencias e reconducir a estratexia eólica en beneficio do País

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, entende que tras tres meses dun goberno “paralizado” en plena crise  “non se pode perder nin un minuto máis” e, por iso, avanzou a axenda de temas urxentes que remitirá ó presidente da Xunta con catro grandes asuntos que o BNG entende deben abordarse de inmediato: escalada de prezos, colapso da atención primaria, mudar cara a xestión pública o modelo de residencias e reconducir a estratexia eólica en beneficio do País superando o actual enfoque “depredador e especulativo”.

En relación á espiral inflacionista, -9,1% de subida de prezos oito décimas por riba da media “nunha Galiza na que pensións e salarios están á cola”-, o Bloque pon sobre a mesa un paquete de medidas pensadas para paliar os efectos das subidas nas familias, clase traballadora, persoas autónomas e PEMES.

Concretamente: incrementar as pensións non contributivas, mellorar a prestación da RISGA e facela compatible co IMV, aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, baixar as peaxes das autoestradas e axudas directas ós sectores máis afectados mobilizando 700 M€.

A segunda cuestión da axenda de temas urxentes, Pontón inclúe a situación da sanidade pública, sobre todo a atención primaria, en situación de colapso. “Non podemos dar por normal que haxa lista de espera de até dúas semanas para ir ó médico ou médica de cabeceira, por iso propoñemos un plan de choque de 200 M€ porque o que está en xogo é a saúde”, subliñou.

O BNG inclúe como terceira cuestión da axenda de prioridades o coidado das persoas maiores, de tal xeito que a formación nacionalista propón aproveitar as sete residencias proxectadas nas cidades para iniciar un cambio de modelo, desde a privatización á xestión pública. “Sería un paso adiante para que a vellez deixe de ser tratada como negocio e se garanta o dereito a unha vellez digna”, recalcou Pontón, quen considera que hai unha débeda coas persoas maiores en relación ós coidados “que hai que empezar a pagar”.

E a cuarta cuestión nesta axenda de temas urxentes inclúe  “reconducir” o actual boom eólico depredador e especulativo, “por un desenvolvemento eólico a favor do País”, tendo en conta que se está no momento de analizar os centos de proxectos presentados polas empresas do sector e, por tanto, “estamos a tempo de poñer a riqueza eólica ó servizo dos galegos e das galegas”, cun modelo eólico que sexa exemplar no ambiental, que xere riqueza e emprego, que respecte ó rural, que aporte beneficio social e con participación pública.

 

Son as cuestións que integran a axenda de temas urxentes para o BNG, que fará chegar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a través dun documento que tamén será rexistrado no Parlamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG