Municipais 2023

Ana Pontón augura que Secundino Fernández recuperará a alcaldía de Viana do Bolo con maioría absoluta e proxecto de futuro

Acto Viana do Bolo
Acto Viana do Bolo

Lidera unha proposta caracterizada pola eficacia e honradez na xestión dos cartos públicos, con transparencia e que abrirá un tempo de progreso

Destaca o modelo municipal de éxito do Bloque capaz de facer que os concellos que goberna avancen no económico, no social e no cultural

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG en Viana do Bolo para o próximo 28M, encabezada por Secundino Fernández, ao que cualificou como “unha persoa que xa demostrou a súa gran capacidade para facer desta vila un concello con futuro”.

A líder do Bloque lembrou que “Secundino xa demostrou como alcalde que é capaz de darlle a Viana do Bolo calidade de vida, servizos públicos, actividade económica, social e cultural, cun concello transparente, onde todos os veciños e veciñas sexan tratadas por igual, un concello de portas abertas, sen caciquismos e profundamente democrático”.

A candidatura do BNG para Viana do Bolo conta cun gran equipo de homes e mulleres que combinan experiencia e renovación, con moita xente nova, dando boa mostra de que a mocidade ten un papel clave no funcionamento dos concellos. “Sei que os que formades parte desta candidatura non vos poñedes límites e ides a por todas, coas mans libres para defender os intereses dos veciños e da veciñas por riba de todo”, recalcou Pontón.

Candidatura Viana do Bolo
Candidatura Viana do Bolo

Por estes motivos, amosouse convencida de que “o candidato do BNG será o próximo alcalde de Viana do Bolo e con maioría absoluta, porque terá to apoio de todos os veciñas e veciñas que queren un concello que avance, que progrese”. “Todos e todas neste concello saben que só hai dous modelos: o que representa o PP, escuro, caciquil, sen capacidade de xestión, que é unha volta ao pasado; ou o de Secundino Fernández”, declarou.

Fronte a isto, o BNG representa un modelo que constrúe en positivo, cun proxecto para a maioría social, que aposta polo benestar e por darlle calidade de vida á veciñanza, defendendo servizos públicos de calidade, tanto para o centro de Viana como para as parroquias do rural.

Trátase dun proxecto que ofrece “eficacia e honradez na xestión dos cartos públicos, con transparencia e con igualdade, para ter un concello no que todos os veciños e as veciñas teñan o mesmo trato”, indicou Pontón, poñendo o foco en que “o modelo BNG ten ideas para aproveitar todo o potencial de Viana do Bolo e darlle un futuro mellor, activo no económico e con vida social e cultural”.

“Digo con humildade pero tamén co máximo orgullo”, apuntou Pontón, “os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro,  con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, convertendo vilas e cidades en modelos de bo facer, referentes en todo o País” concluíu.

Vivenda asequible

Pontón salientou o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a campaña e criticou a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, de feito, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, “dicindo, sen poñerse colorado, que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”, denunciou.

Por contra, o BNG “ é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda”, e quixo lembrarse, en especial, “da xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos”, declarou.

Fronte “un PP cruzado de brazos” está unha realidade de 175.000 galegos e galegas “que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300/400 euros ao mes”, criticou a líder do Bloque, que puxo en valor a un BNG con propostas como o plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, ademais de anunciar que o Bloque “seguirá presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise. Alternativas en clave de país e a favor da maioría social”, argumentou.

Sanidade pública digna

Tamén fixo referencia a unha sanidade pública que está contra as cordas tras catorce anos de recortes, e fronte a un PP convertido nun “terminator” da sanidade o BNG propón un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Pontón concluíu a súa intervención subliñando que o BNG será a forza política que máis suba o 28M, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros,  avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG