Municipais 2023

Ana Pontón: “A aposta segura de cambio real en Santiago é o BNG”

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Pide concentrar o voto inconformista e rebelde en Sanmartín, a alcaldesa  con empuxe, entusiasmo e ideas para abrir un tempo novo en  Santiago

Apela ás persoas que votaron BNG nas galegas a que repitan ese apoio

“Santiago precisa un cambio fronte ao de sempre”, alega Sanmartín

A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañou á candidata a Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, no percorrido pola a Alameda con motivo das festas da Ascensión, unha celebración moi sentida pola veciñanza, indicou, pero nesta ocasión en medio dunha campaña electoral intensa cara o 28M, en que Santiago ten dúas alternativas reais: BNG ou PP.

“Os composteláns e as compostelás teñen a ocasión de decidir este 28M se Santiago abre unha páxina nova na historia cunha alcaldesa como Goretti Sanmartín ou volve un PP que xa significou un goberno letal para a cidade”,  indicou.

“Estou convencida de que hai unha maioría de veciñas e veciños que queren cambio, facer historia da man do BNG, que queren que por primeira vez teñamos unha alcaldesa que ten o empuxe, a enerxía, o optimismo e as ideas que necesita Santiago  para saír deste impass”, explicou a líder do Bloque.

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

“Porque o que si é certo é que o que se escoita na cidade é que vai haber cambio, o que se dilucida é se ese cambio pasa polo PP ou polo BNG, son as dúas alternativas que hai. O BNG representa unha alternativa de transformación en positivo co aval do que xa temos feito nas cidades”, argumentou.

Por iso, a portavoz nacional, fixo un chamamento “a todas as persoas que nas pasadas eleccións galegas xa optaron polo BNG como alternativa ao PP a que volvan facelo este 28M apoiando a Goretti Sanmartín como alcaldesa, porque é unha aposta segura,  unha garantía de que Santiago avance e porque é o revulsivo que necesita Compostela para saír desta situación de parálise, falta de impulso e ilusión”, explicou.

Pontón recalcou que o ambiente de campaña é moi positivo e de simpatía cara a candidata do Bloque. “Estamos vendo que hai unha grande simpatía cara o BNG e creo que é o momento de concentrar na candidata Goretti Sanmartín todo o voto inconformista, todas as persoas que queren cambio e que queren construír unha cidade mellor”, concluíu.

Pola súa parte, Sanmartín fixo balance de campaña, cunha gran receptividade na rúa, milleiros de visualizacións do videoclip de campaña e animou a ir ao mitin do martes e a votar BNG, porque Santiago precisa un cambio "para que non gobernen os de sempre"

Pontón e Sanmartín desexáronlle unhas boas festas da ascensión a toda a veciñanza,   seguramente ás máis sentidas e queridas polos picheleiros e picheleiras de todos os barrios desta cidade, unha tradición que ninguén se pode perder.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG