A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva institucional do BNG, tanto no Parlamento galego como no Congreso e o Senado, así como nas institucións europeas, para que Lugo teña “un tren do século XXI” e avance na modernización das súas infraestruturas, mellorando a súa mobilidade tamén por estrada.
“Lugo ten todo o dereito a subirse ao tren do futuro” porque “quedar fora da modernización do ferrocarril é quedar fora da modernización da economía”, advertiu Pontón, quen criticou a “discriminación histórica” que sofre tanto a cidade como o conxunto da provincia en materia de infraestruturas, fundamentalmente no que ten que ver cos servizos ferroviarios e coas estradas.
Pontón fixo estas declaracións logo dun encontro con diversos colectivos económicos, sociais, sindicais e ecoloxistas, para abordar as carencias en canto a mobilidade que soporta Lugo, “que leva anos perdendo o tren, cando este é o transporte do futuro”, dixo.
De aí a ofensiva do BNG, que vai “redobrar esforzos” con propostas tanto á Xunta como ao Goberno do Estado para situar á cidade no “mapa do ferrocarril e que os seus cidadáns, xunto aos do conxunto da provincia, teñan exactamente o mesmo trato que os do resto do Estado”, porque “non imos permitir que sexan tratados como cidadáns de segunda”, subliñou despois dunha reunión na que tamén participaron o tenente alcalde, Rubén Arroxo, e as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel.
Pontón destacou que o acordo de investidura do BNG en 2020 xa posibilitou a posta en marcha da electrificación da liña Lugo-Ourense, o que permitirá adecuar os tempos dos traxectos entre ambas cidades sexa os que corresponden a 2024, mais considerou necesario seguir avanzando en materia ferroviaria.
As propostas do Bloque neste sentido pasan, en primeiro lugar, por modernizar a conexión Lugo-A Coruña a través da súa electrificación co obxectivo de acortar a duración dunha viaxe por tren que hoxe é case de dúas horas nun percorrido que por estrada se fai na metade de tempo. “Ademais, hai que dotar este traxecto por tren das frecuencias necesarias para ser útil á cidadanía de Lugo e provincia”, engadiu.
En segundo lugar, a portavoz nacional defendeu a necesidade de acabar coa discriminación de que Lugo sexa a única capital de provincia sen conexión directa con Santiago, a capital de Galiza. “Non estamos falando de facer ningunha proeza ferroviaria, porque bastaría cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando un traxecto directo desde Lugo a Santiago”, explicou ao respecto.
Neste punto, exixiu ao Goberno do Estado que como primeiro paso cumpra o último acordo de investidura e realice o estudo de viabilidade para a modernización e a conexión deste traxecto, que conectaría Lugo co resto de Galiza.
Recuperar todos os horarios suprimidos con motivo da pandemia e ampliar servizos será outra das cuestións que o BNG faga valer na súa ofensiva a prol dun tren do século XXI, posto que “para ter un tren moderno hai que ofrecer horarios, frecuencias e tempos de viaxes que permitan usalo para ir traballar, para ir estudar ou para facer xestións administrativas”, manifestou a líder nacionalista, que defendeu unha Galiza na que, exemplificou, sexa posible vivir en Lugo e traballar na Coruña movéndote en ferrocarril.
En canto ás infraestruturas por estrada, Pontón urxiu ao Goberno do Estado que se finalice a autovía entre Lugo e Santiago, “que leva décadas de retraso” e considerou ademais imprescindible rematar nesta lexislatura a autovía entre Monforte e Lugo, de competencia autonómica. Neste caso, trátase dun desdobre do actual corredor que, segundo precisou, vai permitir mellorar a mobilidade do interior da provincia de Lugo.
A líder do BNG aproveitou a súa visita a Lugo para subliñar a importancia de mellorar as infraestruturas para rematar co desequilibrio territorial e frear o despoboamento que sofre o interior de Galiza. “Imos ser moi esixentes con Xunta e Goberno do Estado nesta cuestión. O Bloque sempre vai estar aí para defender a Lugo e ao País”, concluíu.
Pola súa banda, o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou “axilidade” ao Goberno do Estado no cumprimento dos acordos co BNG para a electrificación da liña entre Lugo e A Coruña e a conexión coa capital do País. Destacou, así mesmo, a importancia de recuperar os servizo perdidos no transporte por ferrocarril.