Ana Pontón: "O acordo de investidura é un paso de xigante do papel de Galiza no Estado”

Ana Pontón
Ana Pontón

“Deixa atrás a irrelevancia á que levaron ao país tanto as forzas estatais como a submisión de Feixóo á estratexia de Casado”, declara

 

A maioría dos galegos e galegas están satisfeitos co acordo, “votasen o que  votasen”. Avanza que o BNG vai “ir a por todas” para liderar o cambio

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o almorzo informativo de inicio de ano para poñer en valor o acordo de investidura logrado por un BNG que actuou “con alturas de miras e desde a responsabilidade”, poñendo por diante os intereses de Galiza e a necesidade de frear a involución democrática e de dereitos.

O resultado: un acordo sen precedentes que recolle algunhas das cuestións de maior urxencia para o país e saca a Galiza do ostracismo destes anos, nos que estivo excluída do debate estatal.

“O acordo significa un paso de xigante no papel de Galiza no Estado”, proclamou, “significa pasar a páxina da irrelevancia á que nos conduciron tanto as forzas políticas estatais como un Feixóo subordinado a Casado, secuestrado pola estratexia do PP de Madrid e significa colocar a axenda galega no Estado”.

 E salientou que a maioría dos e das galegas está satisfeita vendo como Galiza recupera un lugar protagonista que nunca debeu perder. “Quedou demostrado, unha vez máis, a utilidade do nacionalismo na defensa dos intereses da maioría social e a necesidade de contar cun proxecto político propio en clave de país como o que representa o BNG”, argumentou.

Un apoio social maioritario que contrasta coas declaracións do xefe do Executivo galego, cuxa reacción airada Pontón atribúe á “vergoña” de ter quedado en evidencia ante un Bloque capaz de facer valer Galiza no Estado.

“A reacción de Feixóo é propia de quen queda espido e coas vergoñas ao aire, porque o acordo deixa en evidencia a súa incompetencia e submisión a Madrid despois de que o BNG conseguise nun mes o que el non foi capaz de lograr en dez anos de goberno. É a reacción de quen non foi capaz de defender os intereses de Galiza porque se limitou a ser recadeiro do PP de Madrid, pero demostramos que con coraxe e determinación é posible colocar as cuestións deste país no Estado e nesta liña imos seguir traballando”, explicou Pontón.

“Equivócase Feixóo porque non vai contra o BNG senón contra os intereses de Galiza, cando o que ten que facer é colaborar e sumar para que o acordo se materialice canto antes”, recalcou.

A portavoz nacionalista tamén fixo referencia á cita electoral de 2020 avanzando que o Bloque xa está traballando para liderar o cambio real que precisa o país. “Imos a por todas sabendo que canto máis BNG, menos PP e desde a confianza de contar cun proxecto serio e solvente e cunha organización unida e cohesionada”, salientou, o que lle permite á formación que dirixe aspirar a liderar o tempo novo que precisa o país. “Non imos escatimar esforzos para gañar unha nova Galiza”, proclamou.

Termos do acordo

Pontón destacou algún dos aspectos máis relevantes dunha negociación que demostrou a capacidade de diálogo do Bloque e a súa “firmeza” na defensa dos intereses dos e das galegas a través dunha axenda que inclúe infraestruturas, sector industrial, benestar social e autogoberno.

Salientou a transferencia da AP9 en 2020, a bonificación das peaxes ás persoas usuarias que realizan dúas viaxes ao día e a gratuidade do tramo Redondela-Vigo. O Estado asume o custo das obras de ampliación da Ponte de Rande.

Modernizar a rede interior ferroviaria, promover o saneamento das Rías Galegas, en particular, reactivar o plan de dragado e recuperación da Ría do Burgo, recuperando os 24 M€ presupostados.

Fondos descarbonización

No sector industrial: inclusión de Galicia en todos os fondos para a descarbonización en condicións de igualdade que outros territorios, convocatoria urxente das mesas de traballo sobre accións e acordos de transición xusta no primeiro semestre do 2020, especificando as accións a realizar e as dotacións orzamentarias.

En relación co Estatuto das empresas electrointensivas inclúe medidas dirixidas a reducir a factura enerxética da industria  e antes do 21 de marzo de 2019 constituirase unha mesa tripartita permanente para avaliar a evolución dos custes. As industrias electrointensivas terán a compensación máxima permitida pola UE por custos de emisións indirectas de CO2.

No ámbito social, xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense, máis fondos do Estado para a dependencia nesta lexislatura e rematar  coa dobre imposición dos emigrantes retornados. En materia de autogoberno: comisión de transferencias Estado-Xunta para programar a transferencia das competencias pendentes no Estatuto e as competencias que foron obxecto de consenso no parlamento galego.

Garantir para Galiza o mesmo status que para Euskadi e Cataluña e medidas de apoio ao propio idioma.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG