Parlamento Europeo

Ana Miranda reúnese coa colectividade galega de Arxentina e Uruguai para abordar os principais problemas dos centros galegos

Ana Miranda en Bos Aires
Ana Miranda en Bos Aires
A eurodeputada do BNG participa como convidada no congreso do Movemento de Participación Popular (MPP), no que coincidirá con Mujica

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visita Bos Aires e Montevideo nunhas xornadas de traballo que inclúen encontros coas colectividades galegas, co obxectivo de abordar a súa situación actual, así como a falta de relevo nos centros galegos. “Quero coñecer de primeira man os problemas que preocupan á colectividade galega, como vén facendo o Bloque desde hai anos”, apuntou Miranda.

Así, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG reuniuse xa co presidente en funcións do Centro Galego de Bos Aires, Ramón Suárez, e visitou tanto o Colexio Santiago Apóstol como o Centro de Asociacións Galegas de Arxentina. “Cómpre que teñamos a sensibilidade suficiente para visitar os centros que acolleron a tantos e tantos emigrantes galegos en situacións terriblemente duras”, sinalou.

Xa mañá en Montevideo, e como froito da longa traxectoria de relacións internacionais que desenvolve o BNG, Ana Miranda asistirá ao congreso do Movemento de Participación Popular (MPP), no que, xunto a máis de 1.500 congresistas, está prevista a participación do expresidente de Uruguai, José Mujica.

Casa de Galicia

Ademais, a eurodeputada nacionalista manterá un encontro cos socios e funcionarios de Casa de Galicia, cos que abordará os problemas derivados do peche da obra sanitaria e social de Montevideo, fundada por emigrantes galegos hai máis dun século. Tamén en Montevideo manterá un encontro coa directiva do novo centro galego A Casa de Galicia, –encabezada pola súa presidenta, María del Carmen Fernández-. Este colectivo é entidade que nace da unión dos socios de antigo Centro de Galicia co obxectivo de recuperar a obra cultural e o panteón.


 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG