A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, demanda que Galiza non saia prexudicada no reparto da futura Política Agraria Común (PAC), correspondente ao período 2021-2027, que estes días se está negociando en Bruxelas. Segundo o orzamento da PAC, acordado hai dou dias polo Consello Europeo, o Estado español recibirá un total de 47.724 millóns de euros no período de programación dos vindeiros sete anos.
“Resulta imprescindible para Galiza que se manteña a mesma porcentaxe de fondos agrarios e que non se produza unha centralización das partidas por parte do Goberno central”, salienta Ana Miranda, quen defende que a Comisión Europea deixe a porta aberta a que sexan os Estados os que decidan a limitación das axudas. A portavoz do BNG en Europa lembra ademais que hoxe e mañá continúan os votos na Eurocámara en medio de grandes tensións políticas.
Ana Miranda apunta que no novo regulamento da PAC permítese un cambio maior do primeiro piar (axudas directas) ao segundo piar (desenvolvemento rural), pasando do 15% ao 25%, polo que o BNG insta a que Xunta e o Estado decidan “facer o transvase en función dos intereses de Galiza”. Ao respecto alerta de que o Estado pode decidir no futuro Plan Estratéxico da PAC e na distribución interna dos fondos. “É nesa negociación na que un país produtor de leite e gando como é Galiza non debe perder", defende.
A portavoz do Bloque en Europa sinala que as peores consecuencias para Galiza “non se refiren só a redución de fondos, que en euros constantes non vai ser tan drástica, senón na axeitada utilización dos fondos”. Deste xeito contradí a opinión do Goberno galego, que debería "estar preocupado pola boa xestión e execución dos fondos, xa que Galiza ten unha baixa execución dos mesmos".
Críticas ao ”capping”
Por outro lado, o Bloque critica que o 20% dos beneficiarios reciban o 80% das axudas directas. “O BNG non pode defender uns orzamentos que beneficien aos grandes terratenentes e esqueza aos labregos e produtores galegos, que son medianos e pequenos produtores”, manifesta Miranda ao respecto, quen considera que a nova PAC debe corrixir os desequilibrios existentes e ter un fin social redistributivo. “De non ser así existe o risco de que a maioría das axudas se concentren nas grandes producións de secaño en claro prexuízo a Galiza”, sinala Miranda. Neste sentido, o BNG defende que a PAC limite as axudas aos 60.000€ por produtor ou produtora, -o denominado “capping”-, fronte aos 100.000€ que propón o Consello. “Rexeitamos que o 20% dos beneficiarios da PAC acumule o 80% das axudas, porque iso nin crea emprego, nin asenta o territorio”, salienta. Pola contra, o BNG considera que a reforma da PAC é unha oportunidade para facer unha distribución dos fondos máis xusta e garantir uns ingresos dignos para os agricultores.