Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Instamos ao goberno galego e ao goberno estatal que os postos de cooperación transfronteiriza estean en Galiza”

Reunión Galiza-Portugal
Reunión Galiza-Portugal

O BNG organizou en Tui unha conferencia para analizar os obstáculos legais e administrativos entre Galiza e o norte de Portugal

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou o seu compromiso eliminación de obstáculos legais e administrativos entre Galiza e o norte de Portugal no desenvolvemento do seu traballo no Parlamento Europeo como eurodeputada galega. Manifestouno así no transcurso da conferencia que tivo lugar hoxe en Tui baixo o título “BridgeEU: Pontes e non barreiras nas fronteiras” e que contou cunha nutrida de representación das localidades dos dous lados da fronteira.

“Instamos ao goberno galego e ao estatal que Galiza conte con postos de cooperación transfronteiriza, que ten por obxectivo resolver os obstáculos administrativos que existen nas fronteiras”, salientou Miranda durante a súa intervención na conferencia, na que detallou a evolución da proposta de regulación europea para a eliminación de obstáculos legais e administrativos na cooperación transfronteiriza.

Explicou que a proposta presentada pola Comisión Europea en 2018 permaneceu paralizada até 2022 “e neste momento, curiosamente, a presidencia húngara quere chegar a un acordo antes de final de ano”. Neste sentido, apuntou que o último trílogo -é dicir, a negociación entre Comisión Europea, Consello e Parlamento Europeo-, terá lugar o vindeiro luns, polo que é previsible que o regulamento sexa aprobado a vindeira semana.

Ao respecto, na conferencia interveu o eurodeputado impulsor do Mecanismo Transfronterizo Europeo BRIDGEU. Sandro Gozi, quen avogou pola eliminación de trabas administrativas que impiden o crecemento das rexións transfronteirizas. Na súa intervención salientou asemade o traballo desenvolvido por Ana Miranda no Parlamento Europeo a respecto das negociacións deste regulamento, tal e como amosa a propia organización desta xornada de traballo.

Ana Miranda e Sandra González
Ana Miranda e Sandra González

Dinamismo transfronteirizo

No transcurso da xornada de traballo tamén se analizaron as diferentes experiencias das eurocidades diante dos obstáculos legais e administrativos da fronteira. Así, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González salientou que os puntos de cooperación transfronteirizos estean en Galiza, !e non en Madrid”. Ademais, explicou o traballo desenvolvido na Eurocidade Tomiño-Cerveira, como por exemplo mediante a figura do Valedor Transfronteirizo para abordar os problemas da cidadanía relacionados coa cooperación transfronteiriza ou a coordinación das axendas culturais e deportivas entre as dúas vilas.

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, pola súa banda, sinalou a traxectoria da Eurocidade de Chaves-Verín, quen fixo tamén fincapé nesta coordinación entre as dúas vilas, aínda que puxo de releve a existencia aínda de coordinación en eidos como o sanitario ou o de transporte.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, fixo referencia á discriminación que padecen os traballadores transfronteirizos e salientou que a fronteira entre Galiza e o norte de Portugal é a fronteira que suma o 45% da mobilidade das fronteiras do Estado español, sendo a “fronteira máis dinámica”.

Este dinamismo transfronteirizo pon de manifesto diversos problemas, sinalados polo concelleiro do BNG en Tui, Xosué Campos; o portavoz do BNG na Guarda, Anxo Baz; a portavoz do BNG en Salvaterra, Patricia Mariño; e a representante do BNG das Neves, Rocío Barreiro. En concreto, Xosué Campos sinalou os problemas coas que se atopan os traballadores transfronteirizos tanto no eido sanitario como á hora de realizar a contratación dos traballadores e traballadoras.

Anxo Baz, pola súa banda, lamentou a perda da histórica conexión entre A Guarda e Camiña, mentres que Patricia Mariño denunciou a falta de contido da Eurocidade de Salvaterra - Monçao e a falta de interese por avanzar na súa execución. Ademais sinalou o grave problema que vive Salvaterra co tráfico pesado, que atravesa a rúa principal da vila e que se incrementa coa PLISAN. Finalmente, Rocío Barreiro fixo fincapé no medio ambiente e o problema da contaminación das beiras do río Miño e do propio río.

“A Unión Europea abriu avances no eido da cooperación transfronteiriza”, destacou na súa intervención, Xabier Macías, ex técnico da Eurocidade de Cerveira – Tomiño, quen criticou que ao Estado español non lle interesa que Galiza teña unha estreita relación con Portugal. “Os estados non van avanzar neste camiño se non se lles obriga”, asegurou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG