Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á CE a aclarar as consecuencias da derrogación dos dereitos pesqueiros de embarcacións de capital galego en Arxentina

Ana Miranda
Ana Miranda

“Que calado está o PP” ironiza a eurodeputada do Bloque

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, diríxese á Comisión Europea, en concreto ao Alto Representante de Política Exterior da UE, co obxectivo de que a delegación da Unión Europea en Arxentina aclare as amplas consecuencias económicas e alimentarias que pode ter as decisións do presidente arxentino, Javier Milei, que pretende derrogar por decreto os dereitos pesqueiros de case embarcacións de capital galego.

“Ademais das repercusións nas empresas galegas é fundamental coñecer como vai repercutir no abastecemento de pesca en Galiza e Europa”, sinala Miranda en referencia á denominada Lei Omnibus do presidente arxentino, que prevé a liberalización do sector pesqueiro do país andino mediante unha poxa dos dereitos pesqueiros.

“Que calado está o PP”, comenta ironicamente a eurodeputada do BNG ao respecto, quen critica “a alegría coa que o PP apoiou a Milei no proceso electoral arxentino sen ter en conta as repercusións das súas propostas para na economía galega”. “Este apoio reflicte perfectamente o que lle importa Galiza ao Partido Popular, ou sexa nada”, sinala Miranda ao tempo que denuncia a parálise do goberno galego na defensa das empresas pesqueiras galegas.

Acordo de cooperación

Por outro lado, Ana Miranda lembra que existe un acordo de cooperación comercial e económica entre a Unión Europea e Arxentina, que desde 1990 marca os específicos de cooperación en materia de pesca, usos da enerxía nuclear e a cooperación científica e tecnolóxica. “En que punto queda este acordo de cooperación á vista das intencións do presidente arxentino?”, pregúntase a eurodeputada nacionalista, quen ademais salienta os numerosos lazos de unión entre Arxentina e Galiza.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG