Ana Miranda comprométese en Narón a seguir traballando na Eurocámara para acadar o saneamento da ría

Acto Narón
Acto Narón

A candidata do Bloque defende que Galiza precisa voz propia para que as demandas das galegas e galegos “cheguen a instancias europeas”

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, participou esta tarde nun acto público en Narón no que destacou a importancia de que o Bloque teña representación nas institución europeas para poder defender os temas fundamentais para o futuro tanto desta localidade como da comarca, como son o saneamento da ría, vital para a recuperación do marisqueo, e a industria.

“En temas transcendentais para o futuro de Narón e do conxunto do noso País como a pesca, a industria –o sector naval-, a vivenda, o transporte, a situación demográfica, os proxectos de depredación e espolio do noso territorio… o BNG sempre estivo na UE defendendo a Galiza en Bruxelas”, manifestou a eurodeputada galega na súa intervención, que estivo precedida polo número 2 da candidatura, Bieito Lobeira; a portavoz municipal, Olaia Ledo; e o concelleiro Geno Carballeira.

Segundo salientou Ana Miranda, “se o BNG non leva esas demandas, non estarían, é asi de claro. Por iso, GALIZA precisa desa voz propia para que as demandas das galegas e galegos cheguen ás instancias europeas”. Neste sentido, mencionou o traballo desenvolvido polo BNG en Europa, desde o saneamento das rías a Altri, pasando polos problemas do transporte en bus e tren, así como as peaxes da AP9; o sector pesqueiro; a crise dos pellets; a seguridade marítima e o despoboamento.

Férreo compromiso co país

“Son exemplos dos que temos que sentirnos tremendamente orgullosas porque temos un férreo compromiso co noso país. Sábeno ben as dúcias de colectivos e os centos de persoas que foron a Bruxelas neste tempo da man do BNG para trasladar no Parlamento Europeo e na Comisión as problemáticas e demandas dos nosos sectores produtivos, dos nosos concellos ou das diferentes loitas sociais que houbo na terra e no mar”, explicou a candidata nacionalista, quen sinalou que se estes temas estiveron presentes no Parlamento Europeo “foi grazas ao nós, ao BNG”.

Ademais, segundo destacou Ana Miranda, na súa intervención, o “escano do BNG en Bruxelas é o escano que defende os intereses de Galiza, libre, sen intermediarios. Ao único que lle temos que dar contas é ao Pobo Galego”.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG