A deputada do BNG Alexandra Fernández advertiu de que “o baleiro de políticas de vivenda do PP está levantando un muro no acceso á vivenda” agrandando, dixo, “as desigualdades entre os que se benefician da suba de prezos desorbitada e quen as padece”.
Así se explica, expuxo, a modificación da Lei de Vivenda de Galicia aprobada dentro da Lei de Acompañamento dos Orzamentos e que supón na práctica un intento de “boicotear” a declaración de zona tensionadas de vivenda nas cidades e vilas de Galiza e a posible limitación no prezo dos alugueres naquelas zonas onde máis está a subir. “Parece que o PP non ten claro que poida revalidar e por iso prefire entregarlle á patronal as chaves para boicotear a declaración de mercados tensionados”, advertiu, convencida de que os populares “están en contra da propia idea de que os prezos deixen de seguir subindo”.
“O PP entende que limitar prezos significa limitar os marxes de beneficio dos propietarios”, resultándolle indiferente as súas consecuencias sociais, asegurou, logo de lembrar que o prezo medio dos alugueres pasou dos 354 euros en 2014 aos 526 da actualidade. “Non lles importa que a vivenda estea absorbendo cada vez máis porcentaxe das rendas ou que haxa xente que directamente non poida acceder á vivenda”, insistiu.
A deputada do BNG fixo estas consideracións durante a defensa dunha moción do BNG cunha batería de medidas para baixar os prezos pero tamén para planificar e ordenar outros aspectos como usos ou estado do parque inmobiliario. Así, defendeu catro grandes eixos de intervención, o primeiro dos cales é o de actuar sobre a vivenda baleira, pois só nas sete grandes cidades galegas hai 90.000 vivendas sen ocupar.
O segundo eixe que defende o BNG pasar por planificar e regular os usos do parque residencial. Neste sentido, Alexandra Fernández avogou por poñer límite ao número de vivendas de uso turístico, regular a súa localización e establecer medidas que eviten que este tipo de inmobles “acaben sendo a vía para que grandes fondos de investimento acumulen patrimonio inmobiliario e tensionen o mercado”.
Como terceiro eixe, a política que o BNG propón para facer máis accesible a vivenda inclúe o impulso do parque público, que en Galiza só representa o 0,3 % do total. “Con 18.000 inscritos no rexistro que che toque no sorteo unha das poucas ducias de vivenda pública que se sortean é como para celebralo. A emoción xa supera a do sorteo de nadal deste venres”, ironizou Alexandra Fernández en alusión a unhas declaracións feitas pola conselleira sobre a “cara de gran felicidade” da xente que recibe un destes pisos.
O “armazón” para intervir sobre os prezos da vivenda do BNG contempla como cuarto eixe o establecemento de límites. “Alí onde exista unha situación alarmante de prezos que poña en risco o acceso á vivenda, teñen que adoptarse medidas drásticas como esta, que garantan que a xente poida seguir pagando un teito”, argumentou Alexandra Fernández.
Entre outras cuestións, na moción do BNG propúñase modificar o marco regulatorio propio de Galiza para a declaración de áreas tensionadas, co compromiso da Xunta de resolver no prazo dun ano a primeira declaración de mercado tensionado. Como medida transitoria, a iniciativa a debate, rexeitada polo PP, incluía declarar como áreas de mercado tensionado todos os concellos de máis de dez mil habitantes en que o prezo da vivenda se incrementarse máis dun 20 % nos últimos cinco anos.
Segundo a proposta do BNG, os concellos poderían realizar propostas de declaración de zonas tensionadas e a Xunta, no exercicio das súas competencias, impulsaría e financiaría un plan específico con medidas para corrixir os desequilibrios en cada unha destas áreas.
Alexandra Fernández concluíu a súa intervención interpelando ao PP sobre a sociedade que quere construír: “O da xente que morre na rúa de frío? O dos mozos e mozas que viven eternamente na casa dos pais? O das familias que xa non chegan a fin de mes tan pronto pagan os gastos da vivenda?”