O BNG elixiu unha explotación leiteira na parroquia compostelá da Sionlla para alertar sobre as consecuencias do fin do sistema de cotas lácteas a partir do 1 de abril, deixando en papel mollado os dereitos de produción dos gandeiros e gandeiras obrigados a adquirir cota de leite para competir nun sistema de produción que agora Bruxelas finiquita dando paso a unha total liberalización do sector.
Todo o diñeiro investido na adquisición de cota queda reducido a cero e deixa a miles de explotacións endebedadas, ignorar esta situación é un desprezo para o sector leiteiro por parte dos gobernos de Madrid e da Xunta ademais dunha tremenda inxustiza, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence.
Un aspecto no que incidía Jorge Piñeiro, gandeiro propietario da explotación ao que Vence agradeceu a visitada: Gastamos un montón de cartos para agora non ter nada.
O Bloque critica a inacción da Xunta e pide ao Goberno galego que lidera unha estratexia en defensa dun sector leiteiro que, en palabras de Vence, sofre prezos de dumping: Non pode ser que o leite hoxe se pague a 29 céntimos o litro cando en 2008 se pagaba a 45 céntimos, porque in cubre os custes de explotación, argumenta. Coa liberalización da produción, os gandeiros e gandeiras quedan máis expostos ca nunca ao poder da industria e das cadeas de distribución, advirte.
Ante este desleixo do Goberno da Xunta, só atentos a Madrid que actúa a favor dos intereses das grandes empresas leiteiras o BNG propón medidas concretas.
Grupo lácteo galego
En primeiro lugar, garantir prezos xustos con contratos homologados coas industrias, como prevé a normativa que agora incumpre o 60% das empresas.
En segundo lugar, promover un Grupo lácteo galego de base cooperativa, porque parte da grave situación se corrixiría desenvolvendo un sector industrial transformador de base cooperativa que debería ser impulsado pola Xunta, para que os nosos produtores e produtoras non estean sometidos ao ditado desas grandes empresa distribuidoras a nivel estatal.
Igualmente, o Bloque propón a creación dunha Interprofesional láctea galega, para que os produtores teñan capacidade de negociación coa industria. E como cuarta medida, mobilizar a terra para que non quede abandonadas e sexan aproveitadas polas explotación vivas que precisan incrementar a súa extensión, concluíu Vence, quen quixo salientar que coñece de primeira man un traballo que teño feito moitas veces na casa da familia en Rodeiro, lembrou.