O BNG presenta sendas emendas á totalidade tanto ao proxecto de lei de orzamentos 2015 como a lei de medidas fiscais e financeiras por considerar que as contas públicas do próximo ano afondan nos recortes e na desigualdade social e a lei de acompañamento é un coadoiro de reformas lexislativas que desmente o discurso do PP da rexeneración democrática.
Continúan a política de recortes que aplica Feijóo desde 2009, non serven para reactivar á economía, non crean emprego e degradan os servizos públicos como a sanidade ou a educación, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que só servirán para prolongar a crise e a destrución de emprego, sobre todo nun contexto no que volve asomar a recesión.
Ademais, as contas de 2015 levan consigo unha lei de acompañamento que Vence cualificou de caixón de xastre do PP utiliza para modificar con escurantismo e pola parte de atrás ducias de leis.
A modo de exemplo, facilita os requisitos dos proxectos de megaminería, flexibiliza os requisitos para a implantación de grandes superficies comerciais en contra do pequeno comercio, ou permiten facerlle un agasallo a empresas privadas como Copasa asumindo a inacabada Autovía da Costa da Morte sen penalizacións.
Como pode Feijóo e o PP falar de rexeneración democrática e persistir nesta forma escurantista de lexislar que só serve para atender intereses inconfesables de lobbies ou poderes amigos do Partido Popular? , denunciou Vence.
Como ingresar máis
Os orzamentos de 2015 tamén constatan que o modelo de financiamento actual está esgotado e resulta discriminatorio para Galiza, que segue a recibir menos do que lle corresponde afondando nunha balanza fiscal negativa. As cifras plasmadas no proxecto enviado a Cámara non son realistas e o Bloque formula catro propostas concretas para aumentar os ingresos públicos.
Incrementar o IRPF ás rendas superiores a 100.000 euros, aumentar o imposto sobre o patrimonio para as grandes fortunas cunha escala de tramos, crear unha taxa ás grandes superficies que permita frear este modelo que machaca o comercio local e compensar pola drenaxe de recursos que, a través do consumo dos galegos e galegas, vai parar aos lugares onde están as sedes desas grandes multinacionais da distribución.
Por último, aplicar un imposto aos depósitos bancarios, para aumentar os ingresos públicos a través das rendas financeiras.
Un modelo alternativo no que as rendas altas, os grandes patrimonios e a banca aporten máis ás arcas públicas, concluíu Vence, avanzando que estás serán propostas que defenderá o BNG no Parlamento durante o debate dos orzamentos e da lei de acompañamento.