O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegurou que as contas do Estado para o próximo ano están feitas a medida de Bruxelas e dos mercados, sacrificando así as necesidades sociais e os intereses das persoas.
Son os orzamentos da resignación -dixo-, que van traer consigo máis paro e máis recesión. Uns orzamentos profundamente centralistas, antisociais e fraudulentos, que carecen de toda credibilidade como as contas de Feijóo, porque o Partido Popular é experto en artificios contables, como xa nos teñen acostumados en Galiza pechando os orzamentos en Setembro.
Jorquera, que compareceu en Santiago en rolda de prensa para facer unha primeira valoración das contas que acaba de dar a coñecer Montoro, lamentou que o goberno de Rajoy teime en cumprir cos obxectivos de défice marcados por Bruxelas pero nin siquer estas contas van servir para cumprir ese obxectivo, asegurou.
Incumprimento do défice
Neste sentido, advertiu que as previsións optimistas do goberno do Estado sobre a caída do PIB, que a cifra nun 0,5 por cento, contrastan coas de distintos organismos internacionais, como o FMI, que fala dun 1,2 por cento e outros estudos elevan esa previsión até o 1,6.
Este desvío a respeito das previsións do goberno -engadiu- vai provocar menos ingresos, máis gastos en partidas como a cobertura de desemprego e por tanto vai provocar que non se cumpra ese obxectivo de défice.
Uns orzamentos feitos a medida de Bruxelas non das necesidades da xente e asegura que carecen de credibilidade, como as contas de Feijóo
Jorquera explicou que o propio goberno recoñece que estes orzamentos van traer consigo máis paro e máis recesión porque falan dunha caída do PIB dun 0,5 e asumen unha caída do emprego do 0,2.
Asemade, son uns orzamentos da resignación, afirmou, porque o investimento produtivo e o gasto social descende por riba da media.
Por áreas, salientou o descenso en Agricultura dun 25 por cento, en Industria dun 21,3, en Fomento dun 20, en Educación do 17 e en Sanidade do 13, por tanto o recorte en investiemento produtivo e en investimento social é moi inferior á media e o recorte no caso concreto de Galiza é de case 400 millóns de euros.
Orzamentos centralistas
O candidato nacionalista criticou tamén o centralismo desta política orzamentaria porque na súa opinión pretenden centrifugar os recortes ás Comunidades Autónomas, das que dependen os servizos públicos fundamentais e o gasto social.
A este respecto, puxo como exemplo que con este proxecto de orzamentos as Comunidades Autónomas terán que recortar o seu défice nun 50 por cento mentres o Estado central só nun 15 por cento.
Para Jorquera, é especialmente grave o recorte en todas as partidas sociais e censurou a conxelación do salario dos empregados públicos e a devaluación das pensións, a perda do poder adquisitivo dos pensionistas dado que só se contempla unha suba dun 1 por cento que é netamente inferior á suba do IPC.
Novos recortes logo do 21-0
O candidato do BNG alertou de que tras esta presentación, o goberno prepara novos axustes e lembrou o que aconteceu cos orzamentos vixentes, que só unha semana despois da súa aprobación se anunciou un novo recorte de 10.000 millóns de euros en Sanidade e Educación.
Insistiu en que estes novos axustes reservados para despois das eleccións do 21 de Outubro, vencellados é petición dun segundo rescate, van ser especialmente lesivos para os sectores máis desfavorecidos como os pensionistas, e por tanto especialmente lesivos para Galiza, que conta non só co maior número de poboación con estas características senón tamén coas cuantías máis baixas.