O parlamentario do BNG afirma que Feijóo tenta marcar distancias cos escándalos de corrupción no Estado pero estes escándalos tamén salpican ao PP en Galiza e ao seu círculo máis próximo
Na quenda de preguntas ao presidente, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntará a Feijóo se a Xunta está sendo contundente cos casos de corrupción. Para o deputado, Feijóo tenta manter distancias cos escándalos de corrupción no Estado pero en Galiza tamén salpican ao Partido popular e ao seu círculo máis próximo.
Na súa comparecencia, tras a xunta de portavoces, o portavoz parlamentario do BNG explicou que o presidente da Xunta continúa sen dar explicacións sobre as súas amizades perigosas entre as que destacou a Marcial Dorado, recentemente condenado a seis anos de prisión polo Tribunal Supremo, Pachi Lucas, imputado como grande conseguidor na Operación ZETA, ao eu engadiu a imputación de José Manuel Baltar por un presunto delito de suborno e outro de tráfico de influencias polo que preguntará a Feijóo cando vai dar explicacións no Parlamento sobre os casos de corrupción que afectan ao PPdeG.
Enorme fiasco no sector eólico por irresponsabilidade do goberno galego
Sobre o debate por lectura única da lei de medidas en materia de proxectos públicos e de urxencia de excepcional interese, Jorquera manifestou a discrepancia na Xunta de Portavoces pola inclusión deste debate na vindeira sesión plenaria e cualificou de inaudito que un proxecto de lei que nin sequera foi publicado sexa debatido o vindeiro martes. Mentres isto acontece, engadiu, non podemos preguntar a Feijóo sobre a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de tumbar o concurso eólico do seu goberno, dado que as preguntas ao presidente hai que rexistralas con antelación.
O BNG pide que compareza Feijóo ante a decisión xudicial de tumbar o concurso eólico
A decisión do Goberno Feijóo de anular o concurso eólico do anterior goberno foi sectaria e irresponsábel e por iso agora Galiza apanda coas consecuencias. O parlamentario cualificou de grave fiasco o que está a acontecer nun sector que podía ser ouro para Galiza cun recurso natural que crea emprego pero froito das políticas do Goberno Feijóo , acabou converténdose nun grande fiasco pero mentres esas políticas anulan as potencialidades de Galiza entregan o noso país a ENCE ou as grandes compañías especuladoras que buscan ouro con grandes proxectos de megaminería.
O BNG solicita a comparecencia de Feijóo para que explique a decisión xudicial que tumba o concurso eólico.
Propostas á iniciativa do BNG para a vindeira sesión plenaria
Entre outras cuestións, o BNG defenderá no vindeiro pleno unha moción para combater a precariedade laboral coa derrogación das reformas laborais e que nas concesións da Xunta se establezan condicións de mantemento ou creación de emprego de calidade. O último exemplo, dixo, Jorquera, témolo na concesión do transporte de residuos urbanos de SOGAMA onde a concesionaria non ten a obriga de subrogar a 69 traballadores que serán despedidos. Asemade, o BNG preguntará ao Goberno que xestións vai iniciar para repoñer nos seus postos de traballo ás persoas afectadas polo ERE nas empresas do Grupo TRAGSA.
Por outra banda, o BNG tamén preguntará sobre as medidas da Xunta para paralizar os proxectos de megaminería en Galiza e a prorroga a ENCE na que solicita, a través dunha Proposición non de le,i que o Parlamento a desaprobe.
Finalmente, o BNG instará á Xunta a reclamar a dotación e transferencia dun fondo especial para a posta en marcha de servizos de cercanías ferroviarias cunha dotación mínima de 400 M.