Para o portavoz parlamentario: Son os orzamentos dun goberno que sabe que está no fin do seu ciclo político
O deputado do BNG,Francisco Jorquera, tras escoitar a comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reiterou que os orzamentos da Xunta non son críbeis, rezuman un tufo electoralista e son regresivos polo que anunciou que o BNG presentará unha emenda á totalidade.
Tras cuestionar que os orzamentos sexan expansivos cono defende o PP, Jorquera preguntou porqué a Xunta non esgota o límite de gasto se medra en 365 millóns e lembrou que no período Feijóo os recortes ascenderon a máis de 9.900 millóns de euros. Vostedes, dixo, orzamentan 69 millón menos que o límite de gasto non financeiro que aprobou este parlamento. Por outra parte, os ingresos aportados polo sistema de financiamento increméntase en 503 millóns sen embargo, o incremento do gasto non financeiro é menor.
O nacionalista asegurou que os gastos financeiros diminúen por mor do descenso dos tipos de xuro pero se sumamos os capítulos 3 e 9 (pasivos financeiros), explicou, os gastos da débeda ascenden a 1.598 millóns de euros, un 5,5% máis que neste exercicio. É dicir, gastaremos máis en débeda que en incremento do gasto non financeiro.
Rebaixas fiscais irreconciliábeis coa política expansiva
Sobre as anunciadas rebaixas fiscais, Jorquera preguntou sé é posible conciliar unha política expansiva no gasto coas rebaixas fiscais porque pode ocorrer o mesmo que cos orzamentos do Estado dos que a Unión europea xa advirte ao goberno que resulte das eleccións do 20 de decembro que deberá realizar un axuste.
Dende o BNG pensamos que para saír da crise son necesarias políticas anticíclicas, non é conciliábel expandir o gasto, rebaixar os impostos e cumprir os obxectivos de déficit, do que tanto presume este Goberno. Neste sentido, o nacionalista salientou que o Estado reservase o 78,6% e asigna ás CC.AA só o 10,7, unha de dúas, recalcou Jorquera, o se incumpre o déficit ou os orzamentos son papel mollado, incluso antes de aprobárense.
O parlamentario tamén criticou a falta de execución en exercicios anteriores, no 2014 a execución non chegou ao 72% e das transferencias de capital ao 68%, na consellería de Economía e Industria foi do 61%. No capitulo 7, apenas chegou ao 52,2%, o mellor, esa é a razón de fusionar as dúas consellerías, agrupar nunha, boa parte do que deixará de executar a outra.
Grandes mentiras, pequenas mentiras e logo están as estatísticas
Sobre o gasto social, Jorquera asegurou que grande parte nestas materia é gasto previamente comprometido no que o Goberno ten escaso marxe para actuar. Se atendemos a distribución o incremento en Educación é dun 4,8% e en Sanidade, un 4,4% o que demostra que o gasto das consellerías que soportan boa parte do gasto social, medra por debaixo da media, iso, si, afirmou, o diñeiro destinado a altos cargos é delegados incrementase nun 5,6 %.
O deputado tamén aludiu ao incremento polo sistema público-privado no novo hospital de Vigo, nun 200%.
Tufo electoralista
Para o deputado do BNG, as contas do 2016 rezuman un tufo electoralista e puxo como exemplo que o PP utilice a creba demográfica para instaurar o cheque bebé, durante un ano, debe ser, ironizou, que pasadas as eleccións a caída demográfica deixará de existir, mellor sería que apostaran por crear emprego estábel e ben remunerado, medidas para conciliar a vida laboral e familiar e reforzar a rede pública de escolas infantís.
No que atinxe ao IRPF, chama a atención que en tramos de rendas medias vostedes elevan a presión fiscal. Nas rendas de 20.200 a 33.000 euros o tipo é do 14% e agora pasará a ser do 15,5 ata os 27.700 euros, e do 17% ata os 33.000 euros, ou sexa, explicou Jorquera,aplícanlles subas de 1,5 e 3 puntos sobre o tipo vixente.
Son os orzamentos dun goberno que sabe que está no fin do seu ciclo político, aseverou o portavoz do grupo parlamentario do BNG.
Golpe do PP na CRTVG para perpetuar o partidismo máis alá da lexislatura
Jorquera cualificou de mala práctica do PP acompañar os orzamentos cunha lei ómnibus para modificar moitas leis en vigor como a de Medios Públicos de comunicación audiovisual de Galiza que establece a elección do director xeral da CRTVG por unha maioría de dous terzos. Agora, introducen unha disposición para que o director xeral continúe ata que se inicie a actividade da Corporación RTVG e engaden que nese momento de non estar elixido o director Xeral , o exercicio das función corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da Dirección xeral da Compañía. Para o deputado, a cousa está clara, o PP abre a vía para poder prorrogar indefinidamente ao actual director xeral saltando o precepto de ser elixido no Parlamento por unha maioría reforzada.
Jorquera lembrou que o BNG denunciou a renovación do Consello de Administración da CRTVG feita a costas do Parlamento e antes de aprobar o Acordo-Marco, agora, dixo, dan un paso máis e pretenden dar un golpe na CRTVG para perpetuar o control partidista, máis alá da presente lexislatura.