O BNG encarou o debate do estado da nación como o epílogo dun goberno que agoniza pese á remodelación coa que o seu presidente tenta salvar os restos do naufraxio, tras sete anos actuando como cabalo de Troia das políticas que marxinan Galiza.
Prefire condenar ao noso pobo á irrelevancia antes que incomodar ao goberno amigo de Madrid, denunciou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen acusou a Feijóo de estar ás ordes de Rajoy.
Jorquera fixo un detallado retrato da desfeita que deixa o presidente galego tras o seu paso pola Xunta, e convidou a marcharse porque xa non ten máis meta que salvarse a si mesmo.
Galiza necesita abrir un novo tempo, un tempo que proporcione un horizonte, unha esperanza de futuro ao pobo galego. Vostede non ten outro horizonte que salvarse a si mesmo mentres se derruba o país, ningunha esperanza que ofrecer a este pobo, por iso, conclúe Jorquera, o mellor servizo que lle pode prestar ao país é irse, danos igual se é para a súa casa ou para Madrid. Pero, vaiase señor Feijóo.
O portavoz parlamentario apelou aos datos para amosar unha Galiza máis pobre e desigual tras sete anos de goberno a mans do campión dos recortes, un período marcado polo paro e a emigración, cos sectores produtivos en declive ante un presidente que o único que fixo foi deixar que outros decidan por nós.
Feijóo deixa unha Galiza á cola en investimento en sanidade, educación e protección social, con 600.000 galegos e galegas en risco de exclusión social, 177.000 parad@s sen prestación, menos nivel de renda e salario ca media, 200.000 persoas emigradas, 12.000 persoas dependentes sen atender e as mulleres como principais vítimas da crise.
Cheque bebe e Plan-E
E agora di que a súa prioridade serán as políticas sociais, criticou Jorquera ante un Feijóo sen credibilidade que reacciona emulando medidas antes ridiculazadas polo PP como o cheque bebe de Zapatero. Só lle faltou anunciar un Plan-E, ironizou.
Liberdade ou submisión
O BNG situou este debate do estado da nación no marco das vindeiras eleccións xerais que, subliñou Jorquera, darán paso a unha lexislatura que terá como cuestión central os dereitos dos pobos. Neste sentido, a intervención do portavoz parlamentario deixou claro que o Bloque aposta por iniciar un novo ciclo político e avanzar na soberanía de Galiza como a mellor ferramenta para darlle un futuro ao país.
O Estado das autonomías é un modelo falido e só ten dúas saídas: A ruptura do Estado ou a súa reformulación desde o pleno respecto aos dereitos dos pobos, explicou Jorquera. Nese escenario Galiza ten dúas opcións, a da liberdade, a vontade de ser protagonistas como pobo, -a opción do BNG-, ou a da submisión, ser espectador dócil do que outros decidan por nós, -a opción que representa Feijóo-.
Fronte á recentralización do PP, utilizada para desmontar o estado social, o Bloque defende o dereito a decidir para darlle ao pobo galego ás ferramentas que permitan construír o progreso do país. Jorquera aludiu ao centenario das Irmandades da Fala para reivindicar ao pobo galego como suxeito de decisión social, cultural e político.
O xogo dos partidos estatais con Galiza é dicir unha cousa aquí e outra en Madrid, denunciou, e retou a Feijóo a superar as aparencias comprometéndose a incluír a transferencia da AP-9 no programa das eleccións xerais do PP.
Radiografía dos sectores produtivos
Jorquera tamén fixo balance da situación dos sectores económicos. Incentívase o abandono da pesca, o sector leiteiro contra as cordas mentres se limita a aplaudir un decreto que discrimina aos nosos produtores, Galiza deixou de ser a maior potencia eólica, perdeu o sistema financeiro propio, -14.000 M do aforro galego van para fora-, ao tempo que se veta unha banca pública.
Igual desleixo coa cultura e a lingua do país que ten como resultado que o 22% dos menores de 15 anos non saben falar galego. Xa ninguén agarda nada de vostede, por máis que anuncie que vai facer nun ano o que non fixo en sete, criticou o portavoz parlamentario.
Jorquera tamén fixo referencia aos casos de corrupción que salpicaron ao presidente da Xunta, que apenas combate con xogos de aparencia, e actúa cando se ve coa auga ao pescozo, como nas recentes destitucións de cargos de goberno. A loita contra a corrupción non se predica, practícase, sentenciou.
Texto íntegro intervención Francisco Jorquera: DISCURSO JORQUERA DEBATE2015