O portavoz parlamentario manifestou que o acordo lácteo resultou un engano masivo e non resolve os problemas do sector lácteo galego
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera volveu a pedir hoxe a Núñez Feijóo que exerza de presidente e non dea as costas ao sector lácteo galego. Sr. Feijóo, móllese, non dea as costas aso nosos gandeiros e cree unha mesa de seguimento dos acordos, afirmou.
O deputado explicou que durante este ano pecharon en España 528 explotacións, 383 en Galiza. Aos gandeiros páganlle menos de 28 céntimos por litro, tres menos que en España e seis menos que en Andalucía e o acordo asinado en Madrid tampouco serviu para subir o prezo en medio céntimo.
Jorquera reiterou que o leite segue a pagarse por debaixo do custe de produción e as industrias seguen incumprindo os contratos mentres o mercado invádese con leite de importación, España é o sumidoiro dos excedentes da Unión Europea.
Deseño para expulsar do mercado aos produtores galegos
Segundo o portavoz parlamentario existe unha estratexia para abocar o sector produtor galego cara sectores marxinais para entregar o noso sector a produtores foráneos polo que cominou ao presidente a exercer as competencias e non dar as costas ás demandas dos nosos gandeiros e volveu preguntar que vai facer mentres os gandeiros galegos cobran os prezos máis baixos do Estado.
Tras a resposta de Feijóo que asegurou ter como prioridade resolver o problema dos produtores de leite a través do acordo asinado en Madrid, o nacionalista respondeu que o acordo non resolve o problema porque non establece un leite tipo estándar o que permite a industria establecer criterios arbitrarios e baixar os prezos. Non hai un sistema de mediación vinculante e deixa sen capacidade real ao gandeiro para a negociación.
O único que lle pedimos, é que goberne, poña couto a concentración no sector da distribución e pregúntelle aos gandeiros galegos porque levaron os seus tratores a Alcampo ou Carrefour. É ilegal vender o leite por debaixo do custe de produción, inspeccione, impoña sancións, esixa que se identifique a orixe do leite e condicione calquera axuda pública á industria ao pago dun prezo xusto do leite en orixe.
O parlamentario concluíu reclamando unha estratexia de futuro para o sector impulsando a mobilización de terras, favorecendo a transformación da materia prima en produtos con valor engadido e fomentar o consumo de produtos galegos.