O portavoz parlamentario acusou ao presidente da Xunta de levar a Galiza á ruína e sen horizonte para saír da crise
Pleno.- O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera interpelou hoxe ao presidente da Xunta a quen preguntou se continúa pensando que súas políticas colocan a Galiza nas mellores condicións para ser unha das primeiras comunidades en saír da crise.
Para Jorquera de ser así, unha de dúas, ou ben o titular da Xunta vive nun mundo virtual ou o IGE e INE están pagados polo ouro de Moscú porque a realidade é que Galiza só medrou un raquítico o,4% fronte ao 1,2 pronosticado pola Xunta para pechar o ano 2014.
Ademais lembrou que a propia exconselleira Elena Muñoz afirmou en sede parlamentar que o crecemento será maior en Galiza e a comunidade seguirá converxendo co Estado. A realidade, afirmou o deputado, é que a economía galega no 2014 tivo o peor comportamento de todo o Estado español.
Galiza, farolillo vermello
O nacionalista botou man dos datos do INE para afirmar que das 17 Comunidades Autónomas, Galiza é o faroliño vermello.
Galiza reduciu o gasto público na última década e vostede segue sendo o campión dos recortes pero as súas políticas,recriminou Jorquera, teñen consecuencias como demostran as caídas do índice de produción industrial e das exportacións, aumentaron as desigualdades e o desemprego e xa hai no noso país un 4,6 de galegos e galegas en situación de pobreza severa, e o 24% en risco de padecela.
Feijóo vive á marxe da realidade galega
O presidente respondeu ao nacionalista que Galiza é a CC.AA que máis reduciu o paro, estamos recuperando o consumo, Galiza investiu cinco veces máis que o resto de España, avanzamos nas exportacións e somos a Comunidade Autónoma con menos emigracións de xovenes e menor índice de pobreza. O problema, afirmou Feijóo, radica en que a industria mantivo un comportamento incorrecto
Manda chover na Habana
Coa súa resposta, dixo Jorquera vostede está a constatar que vive nun mundo virtual e desconectado da realidade. Agora resulta que o problema da economía galega é un comportamento incorrecto da industria, manda chover na Habana.
A Xunta equipara o seu modelo educativo co de Finlandia, manda chover... na Habana.
A Xunta di que a sanidade galega é mellor hoxe pese a crise, manda chover na Habana. O portavoz do g.p do BNG, recomendou a Feijóo que se achegue aos servizos de Urxencias e llo diga aos doentes. Por certo, o día que a Xunta afirmaba o ben que vai a sanidade en Galiza, facíase público un informe que nos sitúa como terceira comunidade con máis privatización sanitaria.
O emprego a xornada completa desplómase a niveis de hai 20 anos
Para o deputado, Galiza está a vivir unha grande crise como reflicten os datos da Seguridade Social cun ingreso de 786 millóns menos pese as novas altas, baixos salarios que reducen dous millóns de euros ao día as cotizacións, o pouco traballo creado é traballo lixo e esa, recalcou Jorquera, é a realidade que vostedes non queren ver ou quere ocultar, Galiza está no fondo do pozo, está estancada economicamente e vostede segue vivindo no seu mundo virtual.