O BNG solicita a comparecencia do Presidente da Xunta, tras a entrevista de Pablo Crespo no programa Salvados
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera lamentou hoxe que o Partido popular, unha vez máis, facendo uso da súa maioría absoluta, rexeitara todas as solicitudes de comparecencia formuladas polos grupos parlamentares da oposición.
Neste sentido, aludiu a comparecencia de Núnez Fejóo solicitada polo BNG para dar explicacións sobre o presunto financiamento do Partido popular porque o Presidente da Xunta e do PP en Galiza, afirmou, non pode seguir mirando para outro lado ante as evidencias da implicación do PPdeG nas tramas de corrupción do Partido popular.
Pablo Crespo acusa ao PPdeG de financiamento ilegal
Jorquera lembrou que esta fin de semana no programa Salvados que dirixe Jordi Évole, o ex-secretario de organización, Pablo Crespo corroborou as denuncias xa formuladas polo BNG, o Partido popular de Galiza é a peza central da corrupción que afecta ao Partido popular.
Pablo Crespo, dixo o nacionalista, recoñece como certos os apuntes de Bárcenas que atribúen a entrega de 21 millóns de pesetas procedentes de donativos non declarados e a procedencia ilegal do 65 % dos ingresos realizados por empresas da construción que buscaban favores e futuras adxudicacións.
Asemade, engadiu Jorquera, Pablo Crespo recoñeceu o pago de sobresoldos a dirixentes do Partido popular de Galiza afirmando que foi el mesmo quen os repartiu e que toda a estrutura do Partido popular coñecía este proceder que prosigue despois de abandonar a súa responsabilidade como Secretario de organización do PPdeG.
Feijóo non pode seguir mirando para outro lado, debe dar a cara
Para o deputado do BNG, Feijóo non pode seguir mirando para outro lado porque ocupou altos cargos coincidindo no período de Pablo Crespo que mesmo foi vocal de Portos de Galiza ostentando o cargo de Conselleiro de Ordenación Territorial, Núñez Feijóo.
Jorquera considerou que o máximo responsable do Partido popular en Galiza e Presidente da Xunta debe poñer negro sobre branco e explicar a contabilidade do PPdeG, incluíndo feitos anteriores ao seu mandato porque a trama de corrupción continuou sendo Núñez Feijóo presidente do Partido popular.
Por outra parte, dixo, o informe do xerente do Partido popular galego, Modesto Fernández no ano 2006 revela que naquela época tamén se recibiron doazóns ilegais de empresas de construción beneficiarias de contratas públicas da Xunta de Galiza.
Feijóo debe explicar a venda de Novagalicia Banco
Na vindeira sesión plenaria, o portavoz nacionalista preguntará ao Presidente da Xunta se ten previsto actuar e parar a venda de Novagalicia Banco porque o propio Feijóo e membros do seu Goberno xustificaron na Cámara galega a necesidade de vender a entidade financeira co fin de recuperar o diñeiro público empregado no seu saneamento pero agora, afirmou o nacionalista, hai novos datos que demostran que estamos ante unha venda nefasta para Galiza e un novo saqueo para os contribuíntes.
Sobre este extremo, Jorquera asegurou que Novagalicia Banco vaise malvender tras a retirada de varios bancos da poxa, a alianza de bancos españois e fondos de investimento para rebaixar o prezo a poxa, e a venda pode ir acompañada de 4.500 millóns de créditos fiscais e novas achegas públicas.
Neste sentido, o portavoz do grupo parlamentario do BNG preguntará ao Presidente se está disposto a entregar o prego de condicións da poxa, esixir que Novagalicia Banco sexa unha entidade financeira galega independente, reclamar a recuperación do diñeiro público investido, manter os postos de traballo, devolver o diñeiro estafado aos preferentistas e esixir entre as condición da venda da entidade galega a permanencia do patrimonio artístico das caixas. De non ser así, dixo, preguntará se está decidido a parar da poxa.
Finalmente, Jorquera avanzou outras cuestións, á iniciativa do BNG que serán debatidas na sesión plenaria dos vindeiros días 12 e 13 entre as que figuran: os problemas derivados da lei de Augas, a valoración da Xunta sobre as consecuencias das chuvias no arrastre de cinzas tras os incendios , o peche da empresa de cemento Cosmos, o copago de medicamentos dos doentes crónicos e o Plan de prevención integral contra a violencia de xénero.