O BNG enfronta o debate do estado da nación coa pretensión de que sexa útil para resolver os problemas dun país que ten niveis de paro e de empobrecemento insufribles, consecuencia da política desastrosa e suicida do Goberno de Feijóo desde a súa chegada á Xunta en 2009, unha política de recortes fracasada que reflicte a estupidez económica de Feijóo e do PP.
Tras esta valoración, o portavoz nacional, Xavier Vence, avanzou as tres grandes propostas que o Bloque ofrecerá ao resto dos grupos parlamentarios para chegar a unha posición común no debate de política xeral: plan de emprego no sector público e privado, novo modelo de financiamento que camiñe cara a a autonomía fiscal plena e fixar unha posición de país no debate territorial que blinde as competencias actuais e permita avanzar no autogoberno.
No primeiro punto, Vence confía nun compromiso de todos para impulsar un plan de emprego que, non sector público inclúa eliminar as taxas de reposición, o que permitiría non só crear postos de traballo senón tamén garantir a calidade dos servizos públicos. No eido privado, a creación de emprego pasa por impulsar os sectores produtivos. Hai que recuperar o investimento e a demanda, e para iso hai que crear emprego e aumentar salarios, subliña.
O actual modelo de financiamento autonómico é inxusto e incrementa as desigualdades, como demostra a balanza fiscal de 2011, cuxos datos indican que Galiza aportou 1.322 millóns de euros máis dos que recibiu do Estado pese a ter un nivel de renda inferior á media. Por iso o Bloque aposta por sacar adiante un pacto na Cámara que garanta a xustiza do futuro modelo ante a inminente reforma fiscal e financeira.
Dereito a decidir
Como terceira proposta, o BNG levará a consideración da Cámara o actual debate territorial no que Galiza precisa fixar unha posición de país para non quedar detrás de Euskadi e Catalunya, coas que comparte o status institucional de nacionalidades históricas. Neste sentido, pedirá un pronunciamento a favor de máis autogoberno e soberanía e a favor do dereito a decidir.
Debemos ter a valentía de recoñecer no Parlamento un dereito democrático dos pobos como é o dereito a decidir, que ademais está sendo obxecto de debate social, explicou Vence.
O Bloque tamén formulará unha reforma administrativa en profundidade que permita reducir gasto inútil, que inclúe a supresión das deputacións. Isto si suporía un aforro e non a intención do PP de recortar a calidade da nosa democracia recortando a principal institución do país como é o Parlamento, argumentou. Igualmente, defenderá que Galiza teña competencias plenas na organización da administración de xustiza, máxime tras o debate xerado pola intención de Madrid de reducir as plantas xudiciais.
Precisamos un compromiso de todos para sacar a este país do pozo ao que levaron as políticas do PP, concluíu Vence.
Fragmentación política
Vence recoñeceu, a preguntas dos medios, que unha excesiva fragmentación da esquerda e do nacionalismo non favorece á derrota electoral do PP e subliñou os esforzos do BNG por aglutinar e sumar forzas desde o convencemento de que Galiza precisa un gran polo nacionalista de esquerdas para defender os intereses do país aquí, en Madrid e en Europa e tamén para derrotar ao PP.
Igualmente, reiterou a condena sen paliativos do Bloque a todo tipo violencia, subliñando que Galiza non merece a existencia de ningún grupo violento, subliñando ademais que é a cidadanía a principal prexudicada. Neste país non debe haber sitio para a violencia, concluíu.