Depende de Nós, lema co que BNG-Asemblea Abertas simboliza que o pobo pode mudar os concellos o 24M

Bieito Lobeira e Montse Prado presentan campaña 24M

Bieito Lobeira e Montse Prado presentan campaña 24M

BNG-Asembleas Abertas presentou a campaña electoral para as eleccións municipais baixo o lema Depende de Nós, co que quere transmitir á cidadanía que ten nas súas mans darlle a volta a actual situación, desaloxar ao PP dos gobernos municipais e dar paso a un novo modelo de concellos ao servizo das persoas.

O director de campaña, Bieito Lobeira, fixo fincapé na idea do lema: “Queremos transmitir que o modelo de concellos que queremos ter depende de nós, do que votemos os galegos e galegas o 24 de maio”. E sintetizou o “compromiso co pobo galego” que BNG-Asembleas Abertas comunica a través desta campaña.

“Ofrecemos un modelo de concellos con paredes de vidro, libres de corrupción e de corruptos, concellos ao servizo das persoas, non de poderes de ningún tipo, concellos nos que se poda vivir e traballar con dignidade, concellos con servizos sociais públicos de calidade, e concellos galegos, orgullosos da súa identidade e de formar parte deste país”, explicou Lobeira, partindo da base de que BNG-AA “é a alternativa nacionalista solvente implantada en todo o territorio”.

Bieito Lobeira e Montse Prado presentan campaña 24M

Con este compromiso, o Bloque “aspira a liderar o cambio ao PP nos concellos do país, con toda claridade, porque temos un aval que non teñen outras forzas políticas ou alternativas: o de saber facelo”, argumentou Lobeira en relación aos concellos nos que goberna, que son unha referencia. “A xente fala dos concellos do rural apelando ao modelo de Allariz, e fala dun concello urbano e apela ao modelo de Pontevedra. Estes modelos non existen en calquera outra forza política”, subliñou.

Vivenda, negocio ou dereito?

A campaña desenvólvese en tres fases. A primeira establece un diálogo “franco e aberto” para, con preguntas directas á cidadanía, “convidar a reflexión” sobre os temas que máis preocupan a sociedade: servizos públicos, emprego, cobertura social, xestión honesta dos recursos públicos, urbanismo responsable, medio ambiente.

Lema da campaña BNG-Asembleas Abertas 24M

A saúde como negocio ou como dereito?, concellos para os amigos ou dos veciños e veciñas? grandes superficies ou comercio de proximidade?, recortes ou vida digna?, desprezar a lingua o querermos galego?, mocidade que emigra ou futuro en Galiza? Son algunhas das preguntas que a campaña formula e que remiten como resposta ao lema Depende de Nós. Tamén nas redes co hastag #dependedenós e na web.

A segunda fase da campaña presenta a proposta marco para os concellos do país estruturada en cinco principios: Concellos abertos, para vivir, sociais, públicos e galegos.

“Concellos transparentes, limpos e responsables cos recursos públicos. Concellos para mellorar a calidade de vida das persoas; concellos sociais ao servizo da xente con servizos municipais propios de calidade, concellos cun urbanismo responsable que practiquen o respecto polo medio ambiente, concellos galegos que defendan a cultura e o idioma do país”, explicou a secretaria de Imaxe, Monste Prado.

A terceira fase da campaña está centrada na difusión das candidaturas, tanto da persoa que encabeza a lista como candidato ou candidata á alcaldía, como da equipa de homes e mulleres que conforman o conxunto da candidatura.

Doazóns de 1,3, 5 euros…

BNG-Asembleas Abertas invita a reflexionar sobre o modelo de concello

BNG-Asembleas Abertas, como xa fixo nas eleccións europeas, “non pedirá nin un só euro aos bancos, nin fará mailing masivo, non imos depender da banca, nin de ningunha caixa central radicada en Madrid”, ratificou Lobeira, nunha campaña “boca a boca e porta a porta”.

O financiamento corre a cargo “exclusivamente” de recursos propios, tanto da militancia con cotas extraordinarias como das achegas dos simpatizantes e, neste sentido, pon en marcha un sistema de doazóns, -crowfunding-, a través da web dependedenos.gal no que calquera persoa pode deixar a súa achega. Outra novidade é a posta en marcha dunha rede de activistas formada por voluntarios e voluntarias de apoio ás candidaturas.

Igualmente, na simbólica data do 25 de abril, organiza un acto nacional aberto en Pontevedra con candidatos e candidatas, que servirá para visualizar a implantación do Bloque en todo o territorio. “Porque non somos unha marca electoral, nin un produto televisivo de último minuto, temos unha traxectoria de décadas de traballo en defensa do país”, concluíu Lobeira.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG