A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara Baixa portando na solapa a reivindicación dunha Comisión de Investigación do Alvia, un dos temas tratados na súa intervención. Ademáis de repasar as políticas máis destructivas do Goberno Rajoy, Davila levou a Galiza a este último Debate de Política Xeral da lexislatura.
A deputada do BNG reprochou a Rajoy o lamentábel panorama social que deixaron as súas políticas nestes catro anos: O seu Goberno adicouse a amargarlle a vida aos cidadáns desde o inicio. Gobernaron en contra da poboación, e onte acudiu a este debate a vanagloriarse dos seus éxitos como se a política de recurtes non tivese consecuencias. A súa intervención foi un insulto en toda regla.
GALIZA no Debate de Política Xeral da mán do BNG
Olaia Fernández Davila levou a Galiza ao Debate de Política Xeral acusando a Rajoy de ter sido un Goberno nulo e incumpridor co noso pais. Criticou ao seu Goberno pola operación de desfeita das Caixas galegas co obxectivo de lle entregar o poder financeiro e os nosos aforros ao sector privado e aos oligopolios. Acusouno de ter impedido que Galiza puidese ter un sistema financeiro público ou semipúblico como lle pedimos do BNG unha vez que a Caixa galega foi resgatada con carto público pero optaron por vendela a prezo de saldo.
Por incumprimentos Davila referiuse aos incumprimentos das partidas que cada ano se contemplan nos Orzamentos do Estado. Practicaron a pura propaganda en todos os Orzamentos, inflando partidas destinadas a investimentos no noso pais, que non foron executadas en 2014 en máis dun 40%, tanto partidas medioambientais como viarias ou ferroviarias.
A cambio dun AVE que non chega nunca, paralizado en varios tramos e ao que lle rebaixaron condicións, sinalou, ademáis de mencionar o desmantelamento da nosa rede ferroviaria interior, a saturación e o prezo abusivo en media distanza, así como a inexistencia de cercanías. No mesmo eido das infraestruturas, Davila aludiu á AP-9: Padecemos unha política despótica dunha concesionaria da AP-9 que nos nega servizos de calidade e merma a competitividade das nosas empresas.
A continuación fixo un repaso polas principais dificuldades polas que atravesan os sectores produtivos galegos. Empezou polo naval. Agora xa sen veto da UE sobre Navantia Fene, segue en deterioro, a industria auxiliar agoniza e a situación social, económica e laboral de Ferrolterra, con máis dun 34% de paro, voltouse insostíbel mentras vostedes non conseguen carga de traballo e miran para outro lado.
Igual que o sector lácteo, engadiu, que continúa agardando a que se lles garanta un prezo xusto do leite en orixe. E subliñou que o leite de Galiza valería 30 millóns de euros máis se ao noso sector se lle pagasen os mesmos prezos que no resto do estado. En canto á pesca, recriminou a Rajoy o recurte de cotas na pesca de litoral que impiden que a pesca poida ser rendábel. Lembroulle que só após de que o BNG e o propio sector denunciase perante a Comisión de Pesca da UE a inxustiza de prohibir a arte de o xeito, foi cando vostedes se moveron.
Outro dos sectores nomeados polo BNG foi o da conserva: deixaron á conserva en situación de indefensión fronte á competencia desleal polos acordos comerciais da UE que eliminan aranceis.
Comisión de Investigación do ALVIA XA!
A deputada do BNG adicou unha especial atención ao grave sinistro do Alvia amosando un cartaz que pedía unha Comisión de Investigación. Davila, que tamén portaba na solapa a mesma reivindicación, criticou ao Goberno pola nefasta xestión que fixeron do accidente e que se constata en cada información que coñecemos. Os dados son sobrecolledores e explican a verdadeira razón pola que se negaron desde o primeiro momento á cada vez máis necesaria Comisión de Investigación que desde o BNG continuamos reclamando.
Davila alzou a voz para defender unha Comisión de Investigación do Alvia xa!.
A portavoz do BNG tamén reprochou a política do Goberno en materia lingüística porque o Estado, en liña coa que fai a Xunta, retrotraeunos 40 anos atrás e contribuiu a desvalorizar a nosa lingua impedindo a cidadáns galegos exercer os seus dereitos lingüísticos máis fundamentais.
No que atinxe ao modelo de estado, a deputada nacionalista considerou censurábel a involución practicada polo Goberno porque negaron e obstaculizaron o dereito a decidir, e recentralizaron competencias invadindo responsabilidades autonómicas. Puxo como exemplo a Reforma Local, e afirmou que canto máis se empeñen en negar a plurinacionalidade do estado, máis nos empeñaremos en defender a identidade e os dereitos da nosa nación.
Goberno devastador e demoledor
Definiu o Goberno de Rajoy como un Goberno devastador e demoledor, e acusouno de estar só ao servizo do resgate á banca e da obsesión de redución do défice, para o cal non dubidaron en elaborar un duro paquete de recurtes sociais. Lembroulle de que o sector financeiro xunto coas grandes fortunas foron os únicos que incrementaron os seus beneficios mentras as maiorías sociais se empobreceron.
Vostede é o responsábel de que o 66% da poboación do estado se atopa en perigo de exclusión, segundo un informe de Cáritas, e de que só o 34% viva en condicións de integración plena, e de que o índice de probeza infantil se atope entre os máis grandes de Europa, sólo superado por Rumanía.
A deputada do BNG criticou ao Goberno de Rajoy por deixar un panorama desolador: unha sanidade pior que hai 30 anos, un desigual sistema educativo e coa universidade erosionada. Censurouno por ter eliminado a Lei de Dependencia, en Galiza 120 millóns menos nos últimos dous anos. Lembrou os danos nos servizos sociais, as onerosas taxas xudiciais que alonxaron a xustiza da cidadanía.
Reforma Laboral: máis precarización e emigración
No terreo laboral, Davila culpabilizou á Reforma Laboral de ter precarizado o traballo: non só hai máis parados que cando comezaron a gobernar, 57.000 empregos menos en Galiza, senón que o traballo é precario, inseguro, de baixos salarios e por riba aumentou tremendamente a brecha salarial e as mulleres retrocederon anos en igualdade.
A emigración foi outra dos problemas reseñados pola deputada do BNG. Ten este Goberno o privilexio de ser o grande promotor da nova emigración que especialmente afecta á mocidade galega. Mozos e mozas de alta cualificación, científicos, que emigran na procura das oportunidades que este Goberno lles negou, á vez que nega avanzos científicos e tecnolóxicos. Neste sentido, puxo de manifesto a alta taxa de desemprego, do 24%, e o feito de que emigraran nestes dous últimos anos 2 millóns de persoas.
A portavoz do BNG díxolle ao Presidente do Goberno que fronte a este austericidio hai alternativas para incrementar os ingresos e apuntou a unha reforma fiscal máis progresiva, que grave máis ás rendas máis altas.
Salientou as numerosas movilizacións sociais debido á errática política de recurtes: movilizacións polos desafiuzamentos, preferente, pensións de emigrantes retornados, recurtes sanitarios e un sinfín de problemas sociais, que xunto ao labor de oposición de forzas como o BNG se impediu que a cousa fose pior.
Reprochou a Rajoy ter criminalizado as manifestacións cidadás, e de ter aprobado a Lei Mordaza, propia de tempos pre democráticos.
Corrupción:
Finalmente, a deputada do BNG aludiu á corrupción: O bochorno da corrupción que preside o seu mandato e que afecta ao seu partido. Unha corrupción á que non só non fixo frent senón coa que mantén unha clara connivencia que lle convirte en cúmprice da mesma.
Rematou Davila desexando que non repita Goberno nin vostede nin o seu partido polo ben da cidadanía e que a próxima lexislatura sexa a da recuperación.
RAJOY ELUDE RESPOSTAR Á COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN DO ALVIA:
A resposta do Presidente do Goberno sobre as cuestións relativas a Galiza que plantexou a deputada do BNG foi moi limitada e reducionista. En materia de investimentos detívose só en infraestruturas viarias como a A-8, a A-54, a A-56 ou o anuncio de que imos pór a primeira pedra da ampliación da AP-9, a circunvalación de Santiago.
En materia ferroviaria, dixo algo sabido: a consignación dos Orzamentos para este ano 2015 pero non rebatiu os incumprimentos de Orzamentos. Do AVE a Galiza só sinalou que o obxectivo é rematalo no 2018. E que o Eixo Atlántico vaise rematar este ano.
Na cuestión relativa a Navantia fixo unha mistura entre o sector naval privado e o público, explicando o xa coñecido: o flotel de Pemex, sen entrar a comentar que parte do seu traballo vai para a factoría de Cádiz cando o ía facer íntegramente Navantia Ferrol, e aludiu Rajoy aos 2 Buques de Acción Marítima que nin siquera teñen data de inicio de construción.
A todas as demáis cuestións plantexadas por Davila sobre Galiza, Rajoy non deu resposta. Especialmente reseñábel é o seu mutismo sobre o sinistro do Alvia, do que nin siquera lembrou ás vítima