Campaña nacional do BNG: "Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión"

CAMPAnhA-BNG-CONTRA-REFORMA-ABORTO-221-XAN-2014O Centro de Especialidades do Ventorrillo, na Coruña, escenario simbólico elixido polo BNG para presentar a campaña nacional contra a reforma “involucionista” da lei do aborto do PP impulsada por Gallardón, é en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade, a través do aborto libre e gratuíto e en condicións de seguridade sanitaria.

Baixo o lema Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión, o BNG despregará unha campaña por todo o país “coa que se pretende informar e concienciar ao conxunto da sociedade para que saiba o que representa esta reforma do PP que lexisla contra as mulleres e nos coloca, en termos de seguridade sanitaria, peor que fai trinta anos”, explicou a responsable de Acción Feminista da Executiva nacional, Saleta Chao.

Unha campaña que “terá un pé na rúa e outro nas institucións”, xa que o Bloque está a presentar iniciativas nos Concellos, no Parlamento e no Congreso e, ademais, sumarase a todas as iniciativas promovidas por colectivos e movementos socias, como as da Plataforma galega polo dereito do aborto.

O portavoz nacional, Xavier Vence, deixa claro que o BNG loitará para que esta lei “retrograda e innecesaria” non saía adiante no seu empeño de recortar un dereito das mulleres.

“A continuidade do embarazo é unha decisión que compete exclusivamente ás mulleres e non podemos aceptar unha lei que coarta ese dereito. O aborto non é unha decisión fácil para ningunha muller, pero é a súa decisión e non se lle pode obrigar a ningunha muller a continuar cun embarazo que, polas razóns que sexan, non desexa”, argumenta o dirixente nacionalista.

Vence subliñou que ese dereito ten que poder exercerse con garantías sanitarias e denunciou o cinismo do presidente da Xunta coas súas falsas críticas á proposta de Gallardón.

“Debe garantirse nas mellores condicións sanitarias, polo tanto na sanidade pública, e non podemos aceptar que Feijóo queira erixirse en progre facendo críticas de cara a galería mentres, desde a súa chegada á Xunta, aplica unha batería de medidas que impide ás mulleres exercer este dereito poñendo trabas a aplicación do aborto na sanidade pública”.

“Hoxe temos en Galiza moitos hospitais que non prestan este servizo porque se encargou Núñez Feijóo de recortar medios e de facilitar que se negue ese servizo desde a sanidade pública. Unha sociedade do século XXI non pode retroceder ao século do XIX, nun dereito que as mulleres tardaron moito en conquistar”, concluíu.

Delirio lexislativo

Neste mesmo punto incidiu a portavoz parlamentar en Igualdade e Servizos Sociais, Carme Adán, quen cualificou de “delirio lexislativo” a reforma de Gallardón, e avogou por manter unha lei de prazos como a que está en vigor en lugar de ser substituída por unha lei de supostos como pretende o PP, “porque volve ás mulleres a unha situación de dependencia dos médicos, dos psicólogos e dos xuíces para defender o seu dereito a unha maternidade libremente escollida”.

Adán puxo o foco nos recortes que está levando a cabo Feijóo “en planificación familiar, en prazas de xinecoloxía, en servizos de atención a saúde sexual e reprodutiva das mulleres”, nun exercicio de “cinismo” do presidente galego. “As mulleres somos moi responsables e non necesitamos estar tutorizadas para decidir sobre se queremos ser nais”, recalcou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG